A V edición da feira de drones Unvex celebrarase entre o 7 e 8 de xullo na Cidade da Cultura

Segundo informou a Xunta, Galicia xa ten un amplo traballo avanzado, coa incorporación de drones na atención de urxencias sanitarias, protección da frota pesqueira ou vixilancia de prevención dos lumes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2021 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acollerá os próximos días 7, 8 e 9 de xullo a sexta edición da feira de drones Unvex, un evento que busca impulsar este sector que, segundo a organización, prevé xerar 1.200 millóns de euros en 2035.

Máis de 60 empresas expositoras confirmaron a súa participación na exposición na que se poderán ver as principais novidades tecnolóxicas destas empresas e tamén contará co seu propio programa de actividades con conferencias.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu na mañá deste martes á presentación deste evento que reunirá aos profesionais do sector para abordar o crecemento da industria e analizar os principais desafíos para os próximos anos, pondo especial atención no uso dos vehículos non tripulados nos servizos públicos que presta a Administración.

Segundo informou a Xunta, Argerey destacou que Galicia xa ten un amplo traballo avanzado, coa incorporación de drones na atención de urxencias sanitarias, protección da frota pesqueira, vixilancia e prevención dos lumes, xestión do territorio ou control da calidade das augas, por exemplo.

Este avance, apuntou, camiña en paralelo á liña que segue nestes momentos a industria, sendo cada vez máis os sectores que os utilizan --na súa vertente aérea, terrestre e naval-- para mellorar a eficiencia de servizos públicos como a inspección de infraestruturas; control de evolución nos cultivos agrícolas; traballos audiovisuais e cartografía; ou servizos de emerxencias.

Unvex 2021 supón, tal e como sinalou a directora de Gain, un gran escaparate para os avances que se van producindo na industria galega, pondo como exemplo a iniciativa do Polo Aeroespacial de Galicia, que xa ten garantida a súa continuidade coa Estratexia 2021-2025.

De feito, lembrou que xa están comprometidos por parte da Xunta case 70 millóns de euros e que, de obter fondos europeos, podería chegar a mobilizar 540 millóns de investimento público-privada.

Os profesionais e empresas do sector que visiten Unvex, ademais de asistir ás conferencias programadas na Cidade da Cultura da man de profesionais e empresas punteiras, terán tamén a oportunidade de acudir a dúas demostracións de vehículos autónomos, marítimos e aéreos no Polo Aeroespacial de Galicia situado no aeródromo de Rozas (Castro de Rei) e na Escola Naval Militar de Marín.

O director da feira, Ángel Macho, agradeceu á Xunta de Galicia a súa colaboración e apoio neste ano e medio de preparación de UNVEX 2021 e destacou a importancia que adquire Galicia nesta edición. "Desde o primeiro momento que coñecemos á Axencia Galega de Innovación (GAIN) soubemos que eramos complementarios e fixamos os obxectivos para deseñar esta edición", afirmou.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participa na presentación de Unvex 2021. XUNTA
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participa na presentación de Unvex 2021. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta