O PP acusa á oposición de "negacionismo" sobre a sanidade: "Todos os galegos están orgullosos do Sergas"

O BNG expuña a articulación dun sistema de identificación de prazas no Sergas para contar "con iinformación clara de cal é a sitaución actual do cadro de persoal do Sergas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2021 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

O PP cre que "todos os galegos" salvo os grupos da oposición "están orgullosos" do sistema sanitario en Galicia e que unicamente BNG e PSdeG, aos que ve instalados no "negacionismo" e o "catastrofismo", son críticos co modelo do Sergas.

Así o manifestou a deputada popular Encarna Amigo durante o debate dunha iniciativa defendida polo BNG como un acordo de "mínimos" para mellorar as condicións de contratación nun sistema sanitario público que, ao seu xuízo e a ollos tamén do PSdeG, podería alcanzar unha "situación límite" este verán coa coincidencia das características propias da tempada estival, as vacacións de persoais "xa mermados" e con persoal "extenuado" e a continuación do proceso de vacinación contra a covid-19.

Tanto a deputada nacionalista Montse Prado (encargada de defender a proposición non de lei) como o socialista Julio Torrado cargaron contra o marco laboral do Sergas e a actitude da Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo, á que acusan de deixar "en discursos" os "halagos" cara a uns profesionais da sanidade aos que, din, non recoñecen o seu esforzo con melloras nas súas condicións de traballo.

Así as cousas, a iniciativa do BNG, que previsiblemente será rexeitada cos votos en contra do PP, expuña a articulación dun sistema de identificación de prazas no Sergas para contar "con iinformación clara de cal é a sitaución actual do cadro de persoal do Sergas", así como "terminar" coa "precaridad e explotación" na contratación para "evitar que sigan marchando profesionais cara á privada ou o estranxeiro", contratos feitos "pola causalidade que os orixina" e a equiparación do "complemento específico e de atención continuada" no sistema galego de saúde.

Unha proposición que Montse Prado definiu como "de mínimos" para achegar "estabilidade" ao cadro de persoal do Sergas que, segundo a nacionalista, "están fartos de soflamas do imporntantes que son e de que despois iso non se traduza nun recoñecemento dos seus dereitos" como traballadores.

Neste sentido, sinalou que a solución para facer fronte ás "carencias" de persoal que denuncian Feijóo e os membros do Goberno galego en ámbitos como a atención primaria pasa por ofrecer "contratos dignos" con condicións laborais que fagan atractivo que o MIR "queden" no Sergas.

Como exemplo disto, apuntou "só 30 do 70" MIR formados en atención primaria na última convocatoria optaron por quedar en Galicia. "O PP debería explicar que contratos ofrece para que pase isto", apostilou Prado.

JULIO TORRADO

Pola súa banda, Julio Torrado (PSdeG) puxo o acento en que "oxalá" os "mínimos" que marca a iniciativa do BNG "fosen a base" do sistema sanitario en Galicia pois, ao seu xuízo, servirían para paliar "o déficit de recursos humanos" ao que fai fronte o Sergas, que "contrata pouco e mal".

A continuación, cargou contra o presidente galego Núñez Feijóo por pedir aos profesionais da sanidade que "deixasen á parte" as súas reivindicacións para centrarse na actividade asistencial.

E é que, segundo Torrado, "é imposible separar" as reivindicacións dos traballadores do Sergas en materia laboral "da atención" que se presta nos distintos niveis do sistema sanitario, pois "a eventualidade" e a "precaridad" do persoal do Sergas "significa saturación" dos profesionais e, por tanto, repercute na atención que reciben os pacientes.

A deputada autonómica Montserrat Prado
A deputada autonómica Montserrat Prado | Fonte: BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta