Os pescadores ven con "preocupación" o avance da eólica mariña: "estamos alerta"

A Confederación Nacional de Confradías de Pescadores demanda información ás institucións ante o aumento da práctica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2021 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

O presidente da Confederación Nacional de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, achacou á "desconfianza" e ao "descoñecemento" do sector pesqueiro galego as controversias provocadas polo novo regulamento de control da pesca da Unión Europea.

"Sempre dicimos que os mariñeiros debemos de ser os únicos que non pertencemos nin ao Código Civil nin á Constitución, xa que non temos presunción de inocencia. Parece que temos que demostrar que somos inocentes porque sobre nós sempre pesa a presunción de culpabilidade", lamentouse Otero nunha entrevista concedida a Radio Nacional este domingo e recollida por Europa Press.

O presidente das confrarías expresouse así respecto dalgunhas medidas "incomprensibles" que recolle a nova regulación, como é a xeolocalización dos barcos. "É difícil de imaxinar para a frota de baixura, que traballa nas rías. Na de Arousa ou na de Muros-Noia pode haber facilmente 700 ou 800 barcos traballando. O que reciba os datos en Madrid vai pensar que o que era mar, agora é terra", comentou Otero.

Basilio Otero remarcou ademais que "existen dúbidas sobre a legalidade de levar cámaras a bordo" e que os barcos de marisqueo, por exemplo, "xa contan cun protocolo moi estrito para o control de capturas".

A EÓLICA MARIÑA, "PREOCUPANTE"

"A min non me serve de nada que me digan que nos van a escoitar e sentemos nunha mesa, os responsables teñen que pisar os portos", respondeu Otero á pregunta de se serán atendidas as súas demandas. O presidente da Confederación tamén pediu ser escoitado respecto da futura implantación dos parques eólicos mariños.

"Máis que ameaza, vemos a eólica mariña con preocupación; estamos en alerta", recoñeceu Otero, que explicou que o único que demandan é "información". "Pedimos datos ás administracións: a localización dos parques, a cantidade e se se van a poder atravesar ou non, porque o non poder cruzalos suporía graves prexuízos para os empresarios e para os propios tripulantes, que perderían tempo de descanso ao ter que rodear os parques", apuntou.

Tamén sinalou que non saben o que ocorrerá co cable que unirá os parques a terra. "Son 15 quilómetros e que saibamos, a electricidade non se pode enviar por 'Whatsapp", criticou Otero.

Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A
Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A | Fonte: Windplus

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta