Morre un home tras chocar dous turismos en Carnota

A colisión tivo lugar próxima á zona de Caldebarcos na tarde deste domingo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2021 | Actualizada ás 11:11

Comparte esta noticia

Un home de 63 anos de idade faleceu nun accidente de tráfico rexistrado na tarde do domingo ao chocar dous turismos no municipio coruñés de Carnota. O 112 Galicia relatou que os Bombeiros de Cee tiveron que intervir na tarde deste domingo para liberar a vítima mortal dun accidente entre dous turismos.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, a colisión tivo lugar próxima á zona de Caldebarcos sobre as 19,00 horas deste domingo. Unha persoa particular chamou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) para informar o suceso. Durante a comunicación cos xestores de emerxencias, a persoa alertante informou de que había un home atrapado como consecuencia dun choque entre dous coches.

Tras ter constancia do ocorrido, o 112 pasou aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Cee e aos membros do GES de Muros. Unha vez no lugar, os equipos de intervención soamente puideron confirmar o falecemento da persoa atrapada. Ao lugar o 061 enviou unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo sanitario da PAC de Muros. O persoal sanitario confirmou o falecemento no lugar do home M.V.F.L., de 63 anos, indicaron a Europa Press fontes sanitarias.

Os bombeiros empregaron o material de excarceración para liberar a vítima e os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía local traballaron para restablecer as condicións de seguridade na vía. Así mesmo, por parte do 112 Galicia informouse do sucedido, por se fose necesaria a súa intervención, aos efectivos de Protección Civil de Carnota.

Accidente na estrada de Caldebarcos, Carnota
Accidente na estrada de Caldebarcos, Carnota | Fonte: cedida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta