Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2021 | Actualizada ás 20:00
A Comisión de Infancia e Familia do Colexio Oficial de Traballadores Sociais de Galicia (COTS) fixo público este luns un decálogo a modo de diagnóstico sobre a situación do sector. A listaxe denuncia a "inexistencia dunha política clara" de protección á familia e á infancia e "insuficiencia" de recursos humanos e materiais, entre outras cuestións.
A través dun comunicado, este colexio profesional recoñece que a recente aprobación da Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia "reforza o marco" para levar a cabo unha intervención social neste ámbito, pero as "carencias crónicas" deste sistema en Galicia colocan "en risco" a efectividade real da norma.
Neste sentido, o decálogo do COTS sinala "os graves déficits" en política social da Comunidade galega, entre os cales menciona "ausencia de procedementos, planificación e coordinación nos distintos niveis de intervención". Os traballadores sociais tamén denuncian a aposta por medidas "asistencialistas", que "manteñen á marxe a prevención e a intervención social no ámbito comunitario".
En canto aos recursos humanos, a Comisión de Infancia e Familia do COTS considera que hai "infradotación", polo que os cocientes de persoal son "insuficientes". Tamén critica a presenza de "perfís técnicos non especializados", unha "falta de prevención" e o "alarmante estado" dos servizos e os equipamentos.
Ademais, censura a ausencia dunha "organización homoxénea e de directrices unificadas" nas catro provincias galegas. De feito, todo iso agrávase "pola externalización dos servizos públicos", o cal incumpre "a competencia de protección pública" dos menores e "dificulta" o enfoque coordinado.
Tamén ve o Colexio Oficial de Traballadores Sociais que, no sentido contrario ao establecido pola lei orgánica, en Galicia hai unha "falta de participación e perspectiva do menor no proceso de intervención" e de "a toma de decisións que afectarán o seu desenvolvemento e ao logro do seu benestar persoal, familiar e social".
"A participación infantil na toma de decisións fannos protagonistas da súa propia vida e é parte fundamental da proteccion á infancia", sentencian os profesionais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.