Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2021 | Actualizada ás 17:59
O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) esixiu a apertura dunha investigación "áxil e rigorosa" para aclarar as causas do naufraxio do cerqueiro 'Sempre Güeto', rexistrado este xoves e no que faleceron dous dos seus tripulantes.
O sindicato quixo trasladar as súas condolencias aos familiares dos mariñeiros e lamentou que son "demasiadas" as mortes accidentais que se están rexistrando no mar sen que as investigacións permitan reducir a súa incidencia ou lograr "melloras substanciais" nas condicións de traballo.
"As mortes son noticia nos medios de comunicación no propio día, pero pasan ao esquecemento con notable rapidez e finalmente convértense nun apuntamento estatístico máis", insistiu. Por iso, instaron a investigar o caso de forma "áxil, profesional e concluínte", para que sirva para mellorar ou reforzar os protocolos de acción.
Membros da Unión Intercomarcal Santiago-Barbanza do sindicato reuníronse este mediodía co patrón maior, Isaac Gaciño, e o armador, Anxo Güeto, que expresaron as dificultades que ten a familia dunha das vítimas, de orixe marroquí, para poder atopar un lugar no que enterralo acorde ás súas crenzas relixiosas.
Por iso, realizan un chamamento público para tentar atopar unha solución canto antes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.