Centos de empregados públicos marcharon por Santiago contra a temporalidade na administración galega

Onde se notou a folga este venres foi na CRTVG. A programación da Radio Galega viuse afectada nalgunha franxa horaria e as centrais falan de "éxito".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2021 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

Centos de empregados públicos marcharon este venres polas rúas de Santiago contra a temporalidade na administración galega e en organismos e entes públicos, nunha xornada de folga que en Galicia apoiaron os sindicatos CUT e CNT e as asociacións Asociatem e Plategal.

Situados en contra da modificación do estatuto básico do empregado público e clamando pola consolidación dos empregados públicos "en abuso de temporalidade", algúns das lemas coreados durante á mobilización foron 'A Xunta de Galicia explota e precariza' e 'É a hora de loitar empregado temporal'.

En declaracións a durante a protesta, a portavoz da CUT Andrea Estévez mostrouse "satisfeita coa resposta" nunha manifestación que calcularon que contou con máis dun milleiro de participantes, vindos tamén doutros concellos e da Deputación da Coruña. Como lembrou, non será a última, senón que se retomarán despois do verán.

Rexistrado a nivel estatal pola Confederación Intersindical, Co.bas, Solidariedade Obreira e SAS, o paro deste venres, que tivo un seguimento "limitado" debido ao "boicot" imposto pola Xunta, foi apoiado na comunidade por CUT, CNT e STEG, así como polas agrupacións de defensa de dereitos dos temporais Asociatem e Plategal.

Onde si se notou a folga este venres foi na CRTVG. Por exemplo, a programación da Radio Galega viuse afectada nalgunha franxa horaria e as centrais falan de "éxito". A manifestación, que partiu pasadas as 19,00 horas da Praza Roxa compostelá, percorreu varias rúas da capital galega ata chegar a Praterías.

De acordo cos datos das organizacións, a temporalidade en Galicia alcanza cotas de ata o 80% nalgúns organismos públicos. A isto súmase a "inminente" reforma do estatuto básico do empregado público, que cren que suporá "aínda máis temporalidade e precariedade". Fronte a isto, reclaman "estabilidade" a través dunha lexislación que recolla a consolidación deste persoal.

Marcha de empregados públicos por Santiago de Compostela
Marcha de empregados públicos por Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta