A Xunta atribúe ás tormentas os últimos incendios en Salvaterra e O Courel

O director xeral de Defensa do Monte avisa que os incendiarios pagarán "todos os custos" de extinción se "se acredita a súa autoría".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/06/2021 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, asegurou que os incendios que a fin de semana pasada arrasaron con case 600 hectáreas en Salvaterra de Miño (Pontevedra) e O Courel (Lugo) foron "provocados por raios" procedentes das treboadas rexistradas naqueles días.

Labores de extinción do incendio forestal que se orixinou na contorna da localidade de Ferreirós de Abaixo, no concello de Folgoso do Courel, a 12 de xuño de 2021
Labores de extinción do incendio forestal que se orixinou na contorna da localidade de Ferreirós de Abaixo, no concello de Folgoso do Courel, a 12 de xuño de 2021 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Así o confirmou nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional, na que o director xeral destacou que precisamente as previsións meteorolóxicas foron as que "aconsellaban xa meter na quenda de gardas todo o persoal" de extinción, a pesar de que a tempada de alto risco empeza o 1 de xullo. "Xa temos o dispositivo ao completo", garantiu.

Neste contexto, Rodríguez lembrou que o plan de prevención e defensa contra os incendios (Pladiga) deste 2021 prevé unha unidade dedicada exclusivamente á investigación dos incendios, que de feito terá "unha estrutura orgánica propia" vinculada á Dirección Xeral que dirixe.

Así, o ámbito de actuación deste persoal "xa non será o distrito ou o concello" onde estaban destinados antes os axentes, senón que xa será o "ámbito autonómico". A intención da Xunta tamén é "profesionalizalos, especializalos e darlles unha formación específica" na investigación.

Ademais, Rodríguez subliñou que este ano hai como novidade unha aplicación que permite calcular o custo do que supón a intervención dos equipos de extinción ante un incendio. A modo de exemplo, estimou que o despregamento no Courel da semana pasada supuxo "ao redor de 570.000 euros".

Non en balde, avisou que se alguén provoca un incendio "e se acredita a súa autoría", váiselle imputar "todos os custos" do operativo, máis aló da tradicional vía penal nos tribunais. "Quen a fai a paga", sentenciou o director xeral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta