O Imperio onde non se poñía Repsol

* Salomé Soria serve ao rei Mariano Herodes a cabeza de Brufau en bandexa de prata.

Por Valentin Carrera | Teo | 03/12/2013

Comparte esta noticia

Os pobres do mundo uníos, os miserables que dicía Víctor Hugo, apenas sabemos nada dos intríngulis do poder, dos resortes secretos, de como operan na sombra, de como trafican con vidas, facendas, dereitos, expectativas, opas hostís e pactos preferentes. Os ricos e poderosos levan o mundo por monteira, despachan faxes encriptados coa facilidade dun eructo, pechan tratos cun dossier sobre os costumes sexuais do inimigo gardado na carteira, renden e manexan gobernos e xudicaturas, desprezan a lei.

 
Algún día deberá contarse en que consiste de verdade o traballo dalgúns “prestixiosos” bufetes ao servizo dos centros neurálxicos do capitalismo salvaxe -avogados, economistas, auditores, asesores financeiros, inspectores de facenda, ministros de industria e outros cooperadores necesarios-, respondendo só a esta pregunta: ¿está vostede cos policías ou cos ladróns?
 
A estas alturas do sainete Repsol, os mortais perdemos o fío. Non sabemos si Brufau está cos policías ou cos ladróns. Cando o goberno arxentino expropiou YPF pola cara, parecía que Brufau era dos bos e Cristina Kirchner unha bandoleira: repasen as crónicas de entón. Agora que o ministro Soria foi a pechar o pacto da vergoña (ou da desvergoña), parece que a Kirchner lidera o renacer de Repsol e o tal Brufau é un apestado, un estorbo cuxa cabeza vai servir o ministro canario, travestido de Salomé, ao rei Mariano Herodes en bandexa de prata, para compracer á os seus amigos mexicanos de Pemex.
 
Un sainete bíblico ou unha feira de moinantes, intercambiando cromos como pícaros:
 
-Douche os xacementos de Vaca Morta a cambio duns floteis en Galicia.
 
-Vale, pero dos 10.000 millóns de dólares, esquéceche.
 
-¡Presidente! fixemos un negocio redondo: dannos 5.000 millóns en bonos lixo e dous floteiespolios.
 
-¡Compra!
 
Elegantes despachos de avogados redactan os contratos da ignominia: poñamos en letra de molde a tomadura de pelo, ao carallo o patriotismo barato que exhibimos ao día seguinte do expolio de YPF, ¡viva México!, ¡viva Canarias! Para o diario El País, que escribe ao seu ditado, Brufau é un heroe vitorioso: dobregou ao inimigo. Para outros medios é un ídolo caído, agora o que manda é Fainé, o da Caixa; aínda que con sesenta millóns de indemnización, Brufau ben poderá pagarse un capricho. Xa soan nomes de sucesores do Hernán Cortés que plantou cara á Kirchner: o goberno Rajoy dáo por amortizado, enterrarán o seu legado en Vaca Morta, baixo unha bandeira mexicana.
 
Baixo a Hégira Borbónica está comezando a viaxe de volta á Madre Patria: Pemex establecerá unha cabeza de ponte en Punta Langosteira para emprender a súa propia Reconquista. De momento, xa comprou en Vigo o estaleiro Barreras baratiño, por cinco millóns, unha risa; e na Xunta din que Pemex encargará en Galicia dous floteis por uns trescentos millóns de euros mal contados: o primeiro prazo por quedarse Repsol, a pachas con YPF.
 
Eles son os netos de Bolívar e nós os indíxenas recuperando o taparrabos para contemplar o ocaso de España, onde non se poñía o sol. Vaian empezando a estudar maia, náhuatl e quechua. @Tornarratos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].