Allariz retoma a 'Xornada do Coiro'

Será o sábado 26 de xuño, día no que se poderá realizar unha ruta interpretativa sobre a importancia da curtición en Allariz, ademais de asistir a varias presentacións e algún obradoiro.

Por X.M. Fernández | Allariz | 24/06/2021 | Actualizada ás 09:15

Comparte esta noticia

As primeiras xornadas arredor do oficio do coiro realizáronse en Allariz no ano 2016. O evento foi posible grazas á iniciativa dos artesáns ao fronte do Museo do Coiro “Familia Nogueiras”, Miriam e Ernesto, que recibiron tamén o apoio e colaboración do Concello de Allariz.

Presentación da 'Xornada do Coiro'. Foto: Prensa Concello de Allariz
Presentación da 'Xornada do Coiro'. Foto: Prensa Concello de Allariz

Por mor das medidas sanitarias, no ano 2020 interrompeuse a súa celebración e este ano retómase o evento cunha xornada que terá lugar este sábado 26 de xuño. As actividades darán comezo ás 10.00h da mañá cunha ruta interpretativa sobre a importancia da curtición en Allariz. Segundo nos explican dende a organización, "a través dun percorrido que se iniciará na propia Fabrica de Curtidos iremos visitando distintos lugares da vila que son o vestixio desa actividade tan importante en Allariz e como a través das fontes conservadas, documentación, restos materiais... podemos seguir conservando".

Ás 11.30 h. haberá unha charla-presentación a cargo de Javier H. Rodríguez --estudante do Máster Universitario en Periodismo y Comunicación: Nuevas Tendencias en Producción, Gestión y Difusión del Conocimiento--. Presentará o que foi o seu traballo de fin de máster “Vidas Liquidas”. O proxecto localízase na contorna do Río Sarela ao seu paso por Santiago de Compostela e pretende contar a historia da transformación que sufriron as vidas das persoas asentadas na ribeira: oficios, lecer, vida familiar, medio natural e no que a Fabrica de Curtidos e o Muiño de Casca da Torre Lombarda son protagonistas de dito traballo.

A continuación , ás 12.30 h. Claudio Otero presentara o seu libro: “A industria galega dos curtumes”, obra na que Allariz ten unha presenza importante.

Xa pola tarde, ás 16.30 h. Haberá unha intervención colectiva, mediante unha invitación que dende o obradoiro do Museo do Coiro ten feito a distintos artesáns.

Un dos postos de artesanía (arquivo) en 'Arte de Man'. Foto: Prensa Allariz.
Un dos postos de artesanía (arquivo) en 'Arte de Man'. Foto: Prensa Allariz.

E para pechar a xornada, procederase á inauguración da exposición de Luis Rioja procedente de Burgos ás 20.00 h.

MERCADO DE ARTESANÍA 'ARTE DE MAN'

A data prevista para a edición de 2021 será o 12 de setembro, e o Concello de Allariz vén de facer xa públicas as bases de participación co correspondente prazo de inscrición para aqueles/as artesáns/ás que queiran participar. 

O prazo de inscrición comezou o pasado luns 21 de xuño e estará aberto ato o 23 de xullo de 2021. As/os artesáns/ás interesados/as poden inscribirse a través da páxina web do Concello de Allariz. Tamén poden dirixirse para consultas e información ao Centro de Promoción Económica de Allariz (Teléfono 988 442 210 / correo electrónico dinamizacioneconomica@allariz.gal). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta