Por Galicia Confidencial | Santiago | 01/12/2013 | Actualizada ás 16:38
En Compostela o número de asistentes supera as 5.000 persoas, segundo a organización. O escritor e xornalista Suso de Toro leu o manifesto final, no que se demanda "medidas lexislativas que rematen coa impunidade dos que contaminan".
Nunca Máis reclama tamén máis medios contra outro eventual accidente, o seguimento do impacto do fuel na sáude das persoas e a non privatización do servizo de salvamento no mar, entre outras medidas. A protesta logrou encher a metade, aproximadamente, da Praza da Quintana.
Na Coruña os organizadores estiman unhas 20.000 persoas. A Policía Local reduce a cifra a pouco máis de 5.000. A marcha estaba encabezada cunha faixa co lema "Contra o esquecemento, a impunidade e pola dignidade do pobo galego!".
En Ferrol a mobilización de Nunca Máis conflíu coa marcha dos traballadores do naval e o manifesto final foi leído ante varios miles de persoas polo escritor Manuel Rivas. Unha das manifestacións máis numerosas foi en Vigo, onde a protesta conseguiu ateigar a Praza de España. Houbo tamén protestas en Lugo, Ourense, Pontevedra e Foz. Mesmo en Madrid, Barcelona e Londres Nunca Máis organización concentracións este mañá.
Como sucedera hai unha década, toda a oposición con representación no Parlamento secundou as mobilizacións, nas que se pediron as dimisións do actual presidente da Xunta e do presidente de España. En Santiago participaron, entre outros, Xosé Sanchez Bugallo (PSdeG), Xosé Manuel Beiras (AGE) e Bieito Lobeira (BNG).
O 13 de novembro cumpríronse once anos dende que uns 1.600 kilómetros das costas galegas, e do Cantábrico, foron alicatadas de chapapote. Na súa limpeza participaron preto de 30.000 mariñeiros, ademais de mariscadores dannificados e dunha movilización humana e de medios sen precedentes, formada por uns 120.000 voluntarios.
Outro 13 de novembro, neste caso de 2012, sentaronse no banquiño dos acusados da Audiencia de A Coruña tres xubilados de máis de setenta anos: o capitán do barco -Apóstolos Mangouras-, o seu xefe de máquinas -Nikolaos Argyropoulos-, e o exdirector da Marina Mercante do Goberno de Aznar -José Luis López-Sors-. O único condenado foi Mangouras, seis meses por desobediencia nas tarefas de salvamento. A Xustiza declarou que ninguén é responsábel da contaminación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.