"El Gran camino", o documental galego que percorre os outros grandes camiños do mundo

Os produtores e directores galegos Alba Prol Cid e Raúl García estrean El Gran Camino, onde mostran a súa viaxe por diferentes camiños do mundo. Tras recorrer quilómetros, a súa aventura chega ás salas de España e a festivais internacionais. O Galicia Confidencial fala co director sobre o proxecto.

Por Carlota Álvarez | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

"Os dous camiñamos porque non somos capaces de quedarnos quietos. Temos a necesidade interior de ir ao encontro doutras persoas e dun mesmo". Así define Raúl García, codirector e coprodutor do documental "El Gran Camino" o motivo polo que, xunto con Alba Prol Cid, parella profesional e persoal, recorreron tres grandes camiños do mundo. Agora estrean en salas de toda España un documental que reflicte estas viaxes.   

Documental 'The Great Way', de Raúl García e Alba Prol
Documental 'The Great Way', de Raúl García e Alba Prol | Fonte: @thegreatwaydocumentary

"É o proxecto das nosas vidas, no que unimos as nosas dúas principais facetas, o audiovisual e o viaxar con mochila, somos viaxeiros empedernidos", describe Raúl García. En setembro do 2019, os dous cineastas galegos emprederon unha viaxe na que recorreron quilómetros por camiños do mundo. 

Foron dous anos de atoparse con xente, compartir historias e tristezas, e conectar coa natureza e con un mesmo. Recorreron o camiño primitivo do Pacific Crest Trail, que se caracterizou pola súa dureza e condicións extremas, nas que durmían á intemperie, sen conexión co mundo e con perigos como a presenza de osos. No camiño Inca de Perú a dureza tamén se viu no mal de altura e a constante subida entre choiva e néboa, un camiño que para o que, a pesar de ser só 4 ou 5 días, hai que estar moi preparados. Pola súa banda, no Kumano Kod, na rexión de Wakayama, en Xapón,  encontraron a parte máis espiritual e de conexión da súa viaxe. 

A viaxe da parella foi intensa e descríbena como unha "experiencia vital incrible"."O tempo dirá se isto nos cambiou, pero dificilmente vamos íde seguir camiñando", asegura Raúl García, que recorda un dos momentos que máis o marcou, cando un septuaxenario no camiño xaponés lles comentou que camiñaba para "prepararse para a vida". Isto faille reflexionar sobre a importancia do presente e do que vai vir. 

REMATAR NO CAMIÑO DE SANTIAGO

"O camiño de Santiago é o inicio e o fin desta aventura", afirma Raúl García, "Ao principio pensabamos que non nos ía sorprender, pero foi un dos que máis me tocou, precisamente pola situación que acababamos de vivir". O director xa realizara esta ruta noutras ocasións, pero para Alba Prol esta foi a súa primeira vez. O confinamento interrompeu á parella cando ía comezar o último dos recorridos, que retomaron xusto o día que abriron as restrincións.

Á necesidade de saír e á emoción tras meses duros, a parella súmalle a este camiño a presenza do seu can Limón, ao que consideran moi especial. Limón foi recollido no camiño  pola Asociación Protectora de Animais no Camiño con 8 meses e cheo de feridas, e aseguran que "cando o vimos sabiamos que era para nós". Para eles foi emocionante pasar polo sitio no que atoparan ao can e chegar á casa xuntos. 

UN ÉXITO INESPERADO

Para Raúl García é importante ter en conta a época na que nos atopamos, na que se necesita esperanza e hai ilusión por saír. "Eu creo que o documental está funcionando en parte porque é como aire fresco. O público vai ver unha historia moi fácil pero que ao mesmo tempo chega moi dentro. Están vendo que hai unha alma detrás, que temos todos", apunta. 

Este documental, distribuído por Super 8, conseguiu unha acollida que os seus directores non esperaban. "Non entendemos o que está pasando", asegura Raúl García, "a nosa produtora animounos a mandar o documental a algún festival e comezamos en xaneiro. Aos 15 días empezamos a recibir seleccións e agora levamos 25 e 12 premios".

A boa acollida por parte do público foi sorprendente, pois o proxecto, que conta coa colaboración da TVG, da Deputación da Coruña e do Xacobeo, estaba pensado para televisión ou plataformas dixitais, pero non pensaban en festivais nin salas de cine. "Todo foi un proceso que non estaba planificado pero que está sucedendo". Agora tamén se espera unha serie na que cada capítulo trate un dos camiños. 

O documental, que xa está na sala de Narón, irá chegando en xullo ás salas galegas, sendo os Cines Ponte Vella de Ourense os primeiros que acollan unha proxección con coloquio cos directores o vindeiro 1 de xullo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta