Médicos de prisións, de pelexar contra a SIDA a non acceder aos historiais clínicos dos pacientes

Rosario é medica en prisións dende hai 33 anos. Viu nacer a Sanidade Penitenciaria cando non había nada, loitou para que houbera algo e viviu os anos nos que foi punteira en detección precoz de enfermidades infecciosas. Agora agarda á xubilación anticipada mentres ve como desaparece.

Por Alicia Casas | Compostela | 07/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Entre os 900 presos internados na prisión da Lama hai persoas con discapacidade intelectual, persoas con patoloxías psiquiátricas e moitas persoas maiores. Entre elas hai pacientes xeriátricos, algúns deles en cadeiras de rodas, que padecen alzhéimer ou outras demencias. Tamén enfermos crónicos con patoloxías graves. Con problemas de corazón, tensión ou diabetes. Persoas de difícil encaixe que non están ben en prisión pero para as que non existe ningún outro centro social nin recurso.

Prisión da Lama, en Pontevedra, cárcere. EUROPA PRESS - Archivo
Prisión da Lama, en Pontevedra, cárcere. EUROPA PRESS - Archivo

Para esas 900 persoas hai 5 médicos, 11 enfermeiros, 6 auxiliares de clínica, e un técnico de radio. A plantilla de médicos é de nove persoas, faltan case a metade. Non poden facer folga xeral porque non poden cubrir os servizos mínimos. Os servizos mínimos son o máximo da plantilla e os servizos mínimos están a punto de xubilarse.

Rosario é médica na Lama e conta que hai cousa dun par de semanas a xefa de servizo dimitiu. Rosario, di, non sabería explicar que diferenzas hai entre traballar na Sanidade Penitenciaria ou para o Sergas porque leva toda a vida traballando en prisións. Sabe que hai moitas: “nós aquí estamos estamos supervisados pola dirección do centro e temos ás veces moitos conflitos porque interfiren bastante no noso labor, a xefatura dimitiu porque non hai forma de chegar a acordos coa dirección en determinados temas”.  

Auxiliar os intereses dos internos como pacientes é complicado e “as limitacións que tes ao traballar en prisións hai xente que non as soporta”. Todo o mundo quere a firma do médico pero a opinión do médico non vale para nada e aínda que, matiza, todo depende do centro no que estés “neste, outros directores anteriores si pero os últimos que tivemos non foron proclives a escoitarnos”.

Segundo explica “á dirección o único que lle preocupa é que a xente morra dentro do cárcere porque logo as estatísticas teñen moitos mortos". Non o asimilan, conta: “non asume que se ti tes un enfermo grave e non lle das a liberdade (que se pode dar) ese señor morrerá en prisión, pero cando chega o momento e non lle das a liberdade pregúntase ‘pero como é que morreu?'”.

A diferenza entre traballar dentro, de prisión, ou fóra, tamén a marca que "aquí os médicos tramitamos saídas hospitalarias, facemos fotocopias, escaneamos, facemos informes para xulgados e para todo o mundo". E a maior carga administrativa non vai parella dunha menor carga asistencial: "xa de entrada a nosa xornada laboral é a máis longa de todos os traballadores e a normativa europea marca un tope de 48 horas semanais que nós superamos amplamente". Iso, di, nin se compensa con días nin economicamente. Que cansa física e mentalmente, di,  porque nin recoñecemento como recompensa obteñen.

Os médicos que traballan en prisións pasan consulta coa porta aberta mentres un funcionario agarda no corredor. Os médicos non sofren agresións físicas como si acontece no caso dos funcionarios, pero as agresións verbais, os insultos e as ameazas, son "constantes": "chámante de todo porque non lles queres dar máis medicación e eles a demanda que fan constantemente é a medicación, uns para consumila e outros para vendela, a presión é impresionante e chega un momento no que xa non aguantas máis". Rosario calcula que a diferenza salarial entre o que cobra un médico que traballa para o Sergas e un que traballa para o Institucións Penitenciarias é de 1.200 euros e polas gardas "eles cobran 26 por hora e nós non chegamos a 16".

Se o problema que relataban os funcionarios de prisións era que debido a chamada segunda actividade consta que traballan máis funcionarios en contacto directo cos internos dos que en realidade traballan; os sanitarios, que si están en contacto directo cos internos e todo o tempo, figuran como persoal de oficina. Non contan co complemento salarial de traballar no interior e non teñen opción á segunda actividade. Non poden pedir, a partir de certa idade e por unha cuestión física, non facer gardas:

"Denegan todo sistematicamente. Levamos cinco anos sen concurso de traslado, sen opción de moverte a ningún sitio. E a xente que pediu excedencias voluntarias, que marchas á túa casa sen cobrar, pois igual: que non. Estamos obrigados a traballar no horario que sexa. Levamos cinco anos secuestrados nos nosos propios postos de traballo."

E levan tamén 18 anos cunha lei que obriga ás comunidades autónomas a integrar a Sanidade Penitenciaria na súa rede que non se cumpriu. Só País Vasco, Cataluña, e dende hai cousa dun mes, Navarra, asumiron estas compentecias. Galicia, comenta Rosario, en concreto non di nin que si nin que non: nin sequera contesta. "As comunidades non nos collen e o Ministerio tenos completamente abandonados".

Con todo, pensa a médica da Lama: "moitas comunidades autónomas que están collendo as competencias non as queren para mellorar o servizo penitenciario senón para que o persoal pase a ser deles e eses médicos penitenciarios vaian traballar á súa rede". Patética é a palabra que escolle Rosarío para describir esta situación.

UN "CABLE"

O principal reclamo de Rosario non son nin as subidas salarais nin facer menos horas nin ter menos papeleo. O principal reclamo de Rosario é un cable. Un cable que conecte a illa que é a Sanidade Penitenciaria co sistema sanitario público, porque en Galicia os médicos de prisións non teñen acceso directo ao historial clínico dos internos. Son os únicos que faltan. Acceso ao programa Ianus do Sergas mesmo o teñen entidades privadas. Todas as unidades de drogodependencia, que antes non o tiñan, xa o teñen. Os centros de maiores, que antes  tampouco o tiñan, xa o teñen. "Aquí non se quixo facer", di a médica da Lama. 

"Nós, os propios médicos, xa somos de segunda. Entón os internos, pois igual: son pacientes de segunda."

Rosario explica que iso é o peor porque empeora a calidade de atención ao interno. Que antes de que estivera todo informatizado o Sergas mandaba unha copia en papel co resultado das analíticas que facían, pero dende que teñen a orde de non imprimir porque ninguén usa xa o papel ninguén se acorda tampouco de que os médicos de prisións non teñen acceso ao historial clínico dos seus pacientes no programa do Sergas. "Entón cando vén a nevera de volta sen resultados, reclámalo, unhas veces mándanchos e outras non. Hai analíticas que viñeron cun mes ou dous de retraso".

Ese "cable"  implica ademais o aillamento dos médicos, porque igual que non teñen acceso aos datos dos pacientes tampouco teñen acceso a formación ou cursos ou protocolos do Sergas: "falamos con todo o mundo pero descoñecemos o motivo, hai cousa duns meses reunímonos cunha secretaria do conselleiro e pareceulle moi ben a idea pero ao final todo queda sempre en nada, e iso cando non che din que non directamente".

NIN PRIVATIZALA

Di a médica que dous dos seus compañeiros xa se poden xubilar calquera día e que ela a partir do ano que vén, tamén. Que marcharán os tres ao mesmo tempo e que a prisión en dous ou tres anos, como xa acontece nalgún cárcere español, quedará sen médicos. Que agora o que están a esperar é á xubilación anticipada. E novos médicos non parece que vaian ir porque xa hai poucos e, mellores condicións, hainas.

Rosario lembra que ela e a súa compañeira levan 33 anos traballando para Institucións Penitenciarias. Lembra que cando chegaron non había nada e como loitaron para levantar iso e que houbera "unha atención adecuada". Conseguírono: "tivemos uns anos que eramos do mellor que había en Europa. Tiñamos uns programas de detección precoz de enfermidades infecciosas, de tuberculose, de patoloxías mentais, de tratamentos, de todo. Pelexamos coa SIDA. E agora ves que todo iso se vai. Todo iso xa non se vai poder facer. Vai ao lixo".

A Sanidade Penitenciaria poida parecer unha illa, allea e afastada, pero recorda Rosario que non o é. Que son persoas que igual que entran, saen e "como teñan unha infección, van a fóra". Que "as infecciosas van seguir, non se van".  Non hai plan, opina, porque: "non é que chegue o político de turno e diga 'isto non me interesa, vouno privatizar', nin sequera é iso, déixate morrer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta