Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/12/2013 | Actualizada ás 11:00
'Requien polo patrimonio de Galicia'. Ese é o nome que o divulgador Xavier Moure lle acaba de dar un blog no que recolle todos os atentados que nos últimos anos teñen sufrido os bens patrimoniais galegos.
Así, e nun extenso informe --aínda non rematado-- Moure recolle todos os bens danados, desde petróglifos, ata castros, pasando por mámoas ou círculos líticos. Polo momento, a lista vermella de bens recolle só castros, petróglifos e monumentos da época megalítica.
"Traballos agrícolas e forestais, apertura de pistas e estradas, colocación de antenas de televisión e telefonía, construción de igrexas e capelas e urbanizacións... forman parte inseparable da maioría dos castros galegos", asegura.
Son os mesmos males que lle afectan a petróglifos, mámoas, dólmenes, pedrafitas ou círculos líticos. E é que no caso das mámoas, a destrucción comezou xa a raíz da real cédula outorgada ao fidalgo Vázquez de Orxas no ano 1609 para escavar nas tumbas dos "gentiles galigrecos". Foi entón cando se produciu a primeira agresión sistemática e organizada de milleiros de enterramentos megalíticos.
Sen embargo, Moure non inclúe eses bens violados porque, como ben di, "xa que a listaxe sería case interminable". No caso dos petróglifos, e a pesares de estar catalogadas como BIC, ao estar ao aire libre non se libran das agresións, "carecendo a meirande parte da mínima protección", apunta.
Na súa lista hai bens patrimoniais afectados en case todos os grandes concellos galegos, incluíndo, as sete grandes cidades galegas. Así, case dous terzos dos municipios teñen algún monumento danado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.