A Xunta defende colaborar con empresas privadas para conseguir "máis resilicencia"

A administración autonómica xa lanzou, o pasado mes de abril, unha empresa conxunta con Abanca e outras sociedades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2021 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu este xoves a procura de sinerxías entre as administracións e o tecido produtivo --é dicir, maiormente a empresa privada-- para reinventar a industria sobre a base da dixitalización e a sustentabilidade.

Segundo afirmou, isto significa apostar pola economía do coñecemento, pola descarbonización e por sectores intensivos en tecnoloxía e I+D+i para liderar desde Galicia proxectos de valor económico, social e ambiental. Unha "aposta" que enlaza cos movementos que vén desenvolvendo a Xunta de Galicia de cara a unha maior colaboración con certo empresariado da Comunidade; como proba a empresa constituída con Abanca, Sogama e Reganosa de cara á procura de fondos europeos.

Así se pronunciou durante a súa intervención por videoconferencia na xornada 'Galicia 2030: reinventar a industria', organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), un encontro do que deu conta a Xunta nun comunicado.

Na súa intervención, o vicepresidente económico destacou que a estabilidade no plano sanitario conduce, desde o punto de vista económico, a unha nova fase de reconstrución, de reactivación e de reformas. Un momento, dixo, no que é necesario recuperar o crecemento para sacar adiante todo un proceso de transformación no tecido produtivo para facelo máis dixital, sustentable e resilente.

Neste sentido, apuntou que os fondos Next Generation serán a vacina económica que, en Galicia, cun investimento de máis de 20.000 millóns de euros, poden supor: máis enerxías renovables como o hidróxeno verde e a eólica mariña, novos modelos de economía circular, fábricas intelixentes dotadas de alta tecnoloxía nos sectores estratéxicos da economía galega ou o desenvolvemento e a implantación dunha nova mobilidade. Ademais, recalcou que a dixitalización e sustentabilidade son sinónimo de emprego cualificado.

Por este motivo, Conde destacou que será moi importante que o Goberno actúe con planificación e axilidade na asignación dos fondos e, sobre todo, que non o faga de costas ás comunidades autónomas, si primando a igualdade de oportunidades par que os destinatarios directos sexan as pemes e autónomos que forman parte de toda a cadea de valor da industria. E, do mesmo xeito, territorios nos que o factor da reindustrialización é fundamental para garantir un futuro industrial, como é o caso das comarcas de Ferrolterra ou As Pontes.

O vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde
O vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta