Educación recorre a datos do "bipartito" para indicar o incremento de partidas en comedores escolares

A Consellería de Educación replicou así á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que pediu universalizar este servizo para permitir a conciliación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2021 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación replicou á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que a Xunta destinou "máis de 32 millóns de euros" a comedores de xestión propia e a financiar os comedores xestionados por concellos e asociacións de nais e pais.

Esta cifra, asegura na súa resposta enviada aos medios, supuxo "duplicar" o orzamento de 14,6 millóns de euros que se destinaron en 2007 a este mesmo fin. Ademais, o número de prazas incrementouse en 16.987 desde o curso 2008/2009, o que significa o 30 por cento de crecemento.

A portavoz nacional do BNG desprazouse este xoves ao colexio de Maía para reclamar a universalización deste servizo para todo o alumnado, posto que supón, advirte, unha medida esencial para a conciliación das familias. Ademais, tamén reclamou á Xunta maior investimento e que asuma a competencia de xestionar os comedores.

Na súa resposta, a Consellería de Educación indicou que "a maioría dos comedores escolares que existen en Galicia están xestionados pola propia Xunta" a través deste departamento autonómico, que atende a 61.644 usuarios en 417 comedores escolares.

En canto aos concellos, a Xunta mantén convenios de colaboración con 16 municipios a través dos cales financia os menús 4.754 usuarios de 53 centros públicos.

TAMÉN O CEIP A MAÍA

Tamén lembra que leste mesmo xoves, no Consello da Xunta renováronse os acordos con 12 concellos aos que o Goberno galego elevará ata os 1,25 millóns de euros para atender a 5.060 nenos de 51 centros educativos, un 13 por cento máis de beneficiarios que nos cursos 2019/2020 e 2020/2021. Entre os beneficiarios, sinala a consellería, está o propio CEIP A Maía. No marco destes acordos, a Xunta subvenciona os menús semanais dos comensais durante todo o curso escolar.

No caso das Anpas, duplicouse a contía das subvencións ás asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de centros públicos non universitarios dependentes da consellería que xestionan este servizo complementario, o que suporá unha inxección de orzamento público de 1,2 millóns, incluíndo unha nova liña fronte aos gastos derivados da adaptación ao contexto covid. En virtude desta liña, o Goberno autonómico cofinancia máis de 150 comedores xestionados polas anpas que atenden a 11.814 usuarios.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presenta o 'Plan de Formación do Profesorado do curso 2021-2022'.. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presenta o 'Plan de Formación do Profesorado do curso 2021-2022'.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta