Un ambicioso e seguro 'Túnel do Viño' para promocionar os viños de Valdeorras

Esta iniciativa e outras actividades paralelas, como a XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, substitúen á tradicional Feira do Viño que tampouco se realizará este ano, tras decisión adoptada polo pleno do Consello Regulador. Os actos de promoción dos caldos valdeorreses terá lugar entre os días 9 e 11 de xullo.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 03/07/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, presentou este xoves 1 de xullo, xunto ao alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, o programa de actos de promoción do sector vitivinícola comarcal que se celebrará en Valdeorras entre o 9 e o 11 de xullo.

Presentación dos actos de promoción dos viños de Valdeorras 2021. Foto: Prensa DO Valdeorras
Presentación dos actos de promoción dos viños de Valdeorras 2021. Foto: Prensa DO Valdeorras

O devandito programa inclúe un Túnel do Viño, varias catas comentadas e a XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras. Na presentación tamén participou o concelleiro de Promoción Económica do Barco, Lalo Santos.

“Como sabedes, porque xa o comunicamos ao termo do último Pleno no que se decidiu o asunto, este ano non haberá Feira do Viño propiamente dita. Consideramos que aínda non se dan os requisitos sanitarios suficientes para que ésta poida celebrarse con seguridade, malia o avanzado do ritmo de vacinación entre moitas franxas de idade”, destacou García Pando ao inicio da rolda de prensa.

TÚNEL DO VIÑO

O Túnel do Viño desenvolverase dentro dunha gran carpa e baixo un protocolo anti-Covid que prevé entradas e saídas ben diferenciadas. O aforo será limitado a 150 persoas e en canto se cubra haberá que agadar para volver entrar. “Pediremos a xente que faga o percorrido completo do túnel en 45 minutos para que poida entrar a seguinte quenda de participantes”, sinalou García Pando.

A carpa, emprazada na Praza Ramón Otero Pedraio de Viloira --coñecido barrio do Barco de Valdeorras--, estará ventilada polos catro lados dende o metro e medio de altura e ata o teito. Todo o mundo deberá empregar máscara dentro e só debe quitarse para consumir. Tamén haberá xel hidroalcólico en varios puntos, tal como se contempla nos protocolos antiCovid.

Participarán 22 adegas, con 60 referencias de brancas e tintas, e o desenvolvemento do mesmo estruturarase en catro sesións diferentes: na mañá e tarde do sábado 10, dunha banda, e na mañá e tarde do domingo 11, da outra. O prezo será de 7 euros por sesión e de 10 euros para dúas sesións. As entradas poderán adquirirse nunha jaima independente á do evento e coa entrada darase unha copa de cristal serigrafiada.

Respecto aos horarios, pola mañá o acceso será de 12.00 a 14.00 horas os dous días. E pola tarde de 19.00 a 22.00 horas, tamén en ambas xornadas. Esa sería a hora límite para entrar. Os que estean dentro antes de esa hora poderán quedar ata as 14.45 horas ou 22.45 horas respectivamente.

CATA OFICIAL DOS VIÑOS DE VALDEORRAS

Este ano terá lugar unha nova edición da Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, unha cita que acada a súa edición número XXII. Ata o de agora hai 19 adegas inscritas e 50 referencias e esta semana procederese coas degustacións para logo, na xornada do venres 9 de xullo, entregar os premios aos gañadores nas diferentes categorías no marco dun acto que se celebrará no Hotel Pazo do Castro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta