Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2021 | Actualizada ás 14:25
A plataforma Defensa do Común móstrase contraria á construción de vivendas no Campo da Estrada-Maestranza en A Coruña, polo que presentará alegacións para impedir que o concello conceda licenzas de construción. O pasado mércores día 30 tomou esta decisión na reunión da xunta directiva, onde tamén se decidiu poñer en marcha un plan de sensibilización. Ante a construción de vivendas no Campo da Estrada-Maestranza, Defensa polo Común organizará un acto público informativo e un debate no centro cívico da Cidade Vella para concienciar á veciñanza.
A plataforma cívica considera un "escándalo que o concello poida permitir que unha promotora que adquire unha parcela enriba dun BIC poida ser compensada permutándolle a edificabilidade por solo municipal noutro lugar da cidade". Defensa do Común lembra que os solares adquiridos pola promotora incluían informes que apuntaban a súa potencialidade arqueolóxica, polo que a promotora non pode alegar descoñecemento da situación.
Ademais, unha consulta popular na Cidade Vella apuntaba que o 98% dos participantes se pronunciaron pola recuperación dos terreos do campo da Estarda-Maestranza para o equipamento público e zonas verdes.
Por outra banda, Defensa do Común avaliou como favorable a manifestación en defensa do porto a pesar da débeda que arrastra a Autoridade Portuaria e que se "se utiliza como chantaxe á veciñanza da Coruña". Nese sentido, a plataforma recorda que "o porto foi unha iniciativa estatal, xa que logo, obra pública de interese xeral do Estado, que debe gozar do mesmo tratamento outorgado ao porto de Valencia para condonarlle a súa débeda".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.