O Parlamento homenaxea o "compromiso galeguista" de Carvalho Calero en Ferrol

Coincidindo co ano dedicado a esta figura, o Parlamento impulsou iniciativas como a exposición que agora chega a Ferrol, onde permanecerá ata o próximo 24 de xullo; a edición do libro 'Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2021 | Actualizada ás 20:39

Comparte esta noticia

A sala de exposicións de Afundación de Ferrol acolle desde esta tarde unha mostra bibliográfica e documental sobre Ricardo Carballo Calero, que volve así a Ferrol nunha mostra organizada polo Parlamento de Galicia para homenaxear, en palabras do presidente da Cámara galega, Miguel Santalices, o "compromiso galeguista" do protagonista do Día dás Letras Galegas deste 2020.

Na inauguración da mostra, que ata agora estaba no Pazo do Hórreo, Santalices subliñou que a cultura e as institucións galegas están "en débeda con Carvalho Calero, polo seu compromiso galeguista, polo seu maxisterio e polo seu servizo que prestou, durante toda a súa vida, á cultura e á lingua" propia de Galicia.

O Parlamento de Galicia alberga, desde o ano 1997, a biblioteca persoal e o fondo documental e epistolar de Carballo Calero. Ao mesmo tempo, xunto con Lois Tobío, encargouse de dar forma ao anteproxecto do estatuto do Seminario Galego de 1931, a partir dun traballo colectivo no que tomaron parte personalidades como Bóveda, Paz Andrade e Risco.

Neste escenario, coincidindo co ano dedicado a esta figura, o Parlamento impulsou iniciativas como a exposición que agora chega a Ferrol, onde permanecerá ata o próximo 24 de xullo; a edición do libro 'Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións', obra de Pilar García Negro, tamén comisaria da mostra; e o copatrocinio da publicación que reúne o epistolario de Carballo Calero e Pedrayo.

Na súa intervención, Santalices explicou que a mostra "recala agora en Ferrol como homenaxe póstuma a don Ricardo á beira dos seus veciños". Así, indicou, que era "unha débeda con don Ricardo e con Ferrol que hoxe se salda coa satisfacción de honrar na súa terra a un ferrolán bo e xeneroso que consumiu a súa vida servindo a Galicia cun traballo intelectual tan rebosante de rigor como falto de vaidade persoal".

A exposición está integrada por medio centenar de libros e máis dunha vintena de documentos, entre os que se inclúen o carné de socio do Seminario de Estudos Galegos e dúas cartas de Otero Pedrayo, entre outro material pertencente ao arquivo de Carballo Calero, depositado no Parlamento xunto coa súa biblioteca.

O acto inaugural foi conducido pola xornalista Xulia Díaz e contou, ademais, co director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; unha das fillas do homenaxeado, Vitoria Carballo-Calero Ramos; a comisaria da mostra, Pilar García Negro; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; e o director xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez.

Ricardo Carvalho Calero. XUNTA - Arquivo
Ricardo Carvalho Calero. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta