Reaccións crime Samuel: Feijóo evitar falar do acto como un caso de homofobia

"Non me atrevo a falar dun problema de homofobia", apunta o presidente, e Pontón pídelle que rectifique. Aínda así, o PP súmase a unha declaración institucional contra os crimes de odio no Parlamento Galego. Vox anuncia demandas contra quen estableza conexións entre o acto e a súa formación. O presentador Jorge Javier Vázquez lamenta a "tolerancia que hai cos intolerantes". Arrimadas chama a "fuxir de leas políticas"; Montesinos (PP) pide "unidade" aos partidos e critica a Monedero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2021 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

Seguen as reaccións ao crime de Samuel. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admitiu a "consternación" e "impacto" que lle causou o crime de Samuel Luiz na Coruña, pero preguntado acerca de se considera que hai un problema de homofobia no país, rexeitou caer na "especulación" e avogou por deixar que avance a investigación sen "atreverse" polo momento a cualificar o "brutal asasinato" de "homófobo".

Feijóo en rolda de prensa.. ANA VARELA
Feijóo en rolda de prensa.. ANA VARELA | Fonte: XUNTA

Nunha entrevista coa Cadea SER, recollida por Europa Press, recoñeceu que non coñece novidades do caso, pero recalcou a "consternación" que produce que nunha cidade "tranquila" como A Coruña, dentro dunha comunidade "tranquila" e cun índice de delincuencia "baixísimo" se poida producir "un asasinato tan brutal".

"Non oculto que non dabamos crédito cando empezamos a coñecer a noticia", dixo, antes de engadir que "non hai ningunha explicación" para o ocorrido e que o que sería desexable é que se identifique aos autores da malleira mortal. A continuación, preguntado sobre se cre que hai un problema de homofobia en España, mostrouse máis cauto.

"Hai un problema de irracionalidade, de instinto asasino por parte das persoas que mallaron nel e o mataron. Eu non sei cales eran as súas inclinacións sexuais nin creo que teña relevancia, porque o que ocorreu é que mataron a unha persoa, mataron a un home, non sabemos por que. Cando avance a investigación veremos cales son as causas, todas inxustificadas e irracionais. Pero non me atrevo a dicir se se pode cualificar de problema de homofobia", aseverou.

VOX ANUNCIA DEMANDAS

O portavoz de Vox no Congreso, Iván Espinosa de los Monteros, tachou de "miserable" que se utilice o "execrable" asasinato de Samuel, o mozo homosexual que faleceu o pasado fin de semana na Coruña por mor dunha malleira, para "mentir" e tentar vincular ao seu partido coa violencia.

Así o asegurou nunha rolda de prensa no Congreso na que condenou "enerxicamente" este "tráxico asasinato". "Vox condena sempre toda violencia, veña de quen veña e se dirixa a quen se dirixa", dixo, pedindo que "caia todo o peso da lei sobre os responsables".

Pero tamén deixou claro que ao seu partido non o "van calar" e que levará ante os tribunais a quen pretendan vincular este asasinato cos seus catro millóns de votantes, como xa fixo querelándose contra o fundador de Podemos Juan Carlos Monedero e a tuitera e exmilitante socialista Martu Garrote.

"Todo o noso desprezo a quen teñen a desvergoña de sinalar calquera tipo de conexión entre Vox e este execrable crime. Non o imos a permitir sinxelamente porque non é verdade. Hai que desenmascar aos verdadeiros violentos", recalcou.

Neste contexto, protestou polas consignas de 'Abascal, puto criminal' que se corearon durante a concentración que tivo lugar este luns en Madrid para esixir "xustiza para Samuel" por parte, segundo Espinosa de los Monteros, de persoas que "tomaron a rúa de forma bastante violenta".

RECTIFICACIÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresou a súa "sorpresa" polas declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e mostrou o "orgullo" de ver como as rúas e prazas en toda Galicia "enchéronse para reclamar xustiza para Samuel e condenar o seu vil asasinato", un "crime" que, ademais, "todo apunta a que está tinguido de homofobia, o que engadiría un delito de odio á violencia sen sentido que acabou coa súa vida".

"E por iso sorprende a reacción de quen, como presidente da Xunta, parece empeñado en negar que detrás do asasinato de Samuel hai homofobia. Non se pode ser equidistante, nin se pode tratar de mirar para outro lado cando un mozo de 24 anos é asasinado pola súa condición sexual. É coma se a un asasinato machista fora limitado a un caso de violencia máis, coma se non tivese importancia ou fose secundaria a causa que motiva o crime machista", reflexionou Pontón. Pontón considerou "francamente" que Feijóo "debe rectificar e ser contundente" na condena da homofobia, que "lamentablemente está detrás do crime que acabou coa vida dun mozo de 24 anos" na Coruña.

REXEITAMENTO INSTITUCIONAL NO PG

A nivel galego, os tres grupos con representación no Parlamento pretenden impulsar unha declaración institucional da Cámara autonómica para expresar a súa repulsa ao crime de Samuel Luiz e para condenar calquera tipo de violencia con natureza de odio, incluída aquela con razóns homofóbicas ou LGTBIfóbicas.

O acordo para iniciar a redacción da declaración (que debe ser acordada para que salga adiante) partiu da reunión da xunta de portavoces celebrada este martes para configurar a orde do día do próximo pleno, o último do período de sesións antes do parón estival.

VILLACÍS

Pola súa banda, a vicealcaldesa de Madrid, Begoña Villacís, que non ten dúbida desde a súa opinión persoal de que o asasinato este fin de semana dun mozo na Coruña responde a motivacións homófobas, cuestionou "que se rexeite o odio propagando odio".

"Asasinaron a un mozo. Entendo que a xente saia á rúa para rexeitar a homofobia, o odio, a intolerancia e a violencia pero o que non ten moita lóxica é que se rexeite o odio propagando o odio, que se rexeite a intolerancia propagando intolerancia, que se rexeite a violencia sendo violento. Non ten ningún sentido", defendeu a vicealcaldesa desde a presentación do futuro centro municipal de intelixencia antificial.

Villacís reclamou respecto tanto para quen se manifesta como para o mobiliario urbano. Ela, a título persoal, sostén que se tratou dun asasinato homófobo "polo que lle gritaban cando lle estaban pegando". "Pero se imos reclamar tolerancia, se imos reclamar respecto, se imos reprochar o odio, iso é máis intelixente facelo desde a tolerancia, o respecto, desde manifestacións pacíficas", sostivo a continuación.

ARRIMADAS

En liñas paralelas, A presidenta de Ciudadanos, Inés Arrimadas, afirmou este mércores que en España é necesario combater a homofobia e seguir avanzando para alcanzar a "plena igualdade" de todas as persoas, sexa cal for a súa orientación sexual, e que, no caso do asasinato do mozo Samuel Luiz Muñiz o pasado venres na Coruña, hai que "fuxir de pelexas políticas".

Nunha entrevista en Castela-A Mancha Media, recollida por Europa Press, Arrimadas indicou que España "é un moi bo país para a liberdade, con moitísimo respecto ao colectivo" LGTBI, pero "aínda hai homofobia" e aínda "queda un longo camiño por percorrer" para lograr "a plena igualdade, o respecto e a liberdade de todas as persoas, independentemente da quen amen".

PABLO MONTESINOS

O vicesecretario de Comunicación do PP, Pablo Montesinos, pediu "unidade" ás forzas políticas en relación á malleira mortal ao mozo Samuel na Coruña o pasado fin de semana e rexeitou as declaracións do exdirixente de Podemos, Juan Carlos Monedero, nas que relaciona a Vox co suceso.

"Ante estes casos como os vividos en Galicia, creo que só fai falta a unidade de todos para loitar contra esta secuela e que non volvan ocorrer estes sucesos; non me cabe na cabeza outra cousa distinta", indicou Montesinos.

Para o dirixente popular "é importante que as formacións políticas estean á altura" e lamentou que "o señor Monedero a esta hora aínda non pedise perdón" polas súas manifestacións.

JORGE JAVIER VÁZQUEZ

O comunicador Jorge Javier Vázquez opinou que o asasinato de Samuel "non vai ser un feito illado" e alertou de que veñen tempos moi complicados porque considera que se permitiu a intolerancia.

Nunha rolda de prensa no Teatre Tívoli de Barcelona para presentar o seu espectáculo 'Desmontando a Séneca', Vázquez lamentou que a sociedade chegase tarde a frear as actitudes de odio: "Teriamos que estar moito máis atentos, ser moito máis duros con este tipo de manifestacións", e pediu actuar de maneira tallante --nas súas palabras-- para que non volva suceder unha atrocidade dese tipo.

"Somos demasiado tolerantes cos intolerantes", resumiu, e augurou que a loita para apartar estas condutas durará anos, porque, observou, hai xente da súa xeración --ten 51 anos-- que está a se abonar ao discurso do odio e cre que llo inculcará aos seus fillos.

MARÍA JESÚS MONTERO, PORTAVOZ GOBERNO CENTRAL

A portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, mostrou o seu apoio ás concentracións celebradas este luns en toda España para protestar contra o asasinato do mozo Samuel, que morreu a consecuencia das feridas provocadas por unha malleira que lle propinou un grupo de persoas.

"É moi importante que se visibilice o rexeitamento social, oxalá unánime, a todas estas actitudes porque desa maneira poderemos combatela e que deixen de sentirse impunes persoas que protagonizan tan desgraciado incidente", sinalou Montero.

Así o manifestou este martes Montero durante a súa intervención na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, na que trasladou toda a solidariedade do Goberno coa familia e coas amizades de Samuel, o mozo asasinado este fin de semana na Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta