Proposta de Marea Atlántica á corporación coruñesa para unha declaración institucional contra a 'LGTBIQfobia'

O texto proposto condena a "brutal agresión" que acabou coa vida de Samuel Luiz e apela ao esclarecemento dos feitos que rodean a morte "e que as persoas responsables non queden impunes".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2021 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

O grupo municipal de Marea Atlántica remitiu ao resto de formacións da corporación do Concello da Coruña unha declaración institucional contra a 'LGTBIQfobia'.

A proposta de Marea chega tras o crime do mozo Samuel e tras os episodios vividos nos últimos días na área da cidade herculina, onde unha parella homosexual foi agradedida, un mural vandalizado con pinturas homófobas e unha bandeira arcoiris que ondeaba no centro da urbe foi arrincada e esnaquizada.

"Camiñamos cara á igualdade, pero a actualidade está a pór en evidencia o moito que aínda queda por camiñar e o fráxiles que poden ser as conquistas que non se defenden", remarca a Marea nun comunicado no que advirte da existencia de "discursos de odio" e de "desprezo á diversidade" en España e Europa que "están a atopar altofalantes".

Así as cousas, o texto proposto pola formación que gobernou A Coruña entre 2015 e 2019 condena a "brutal agresión" que acabou coa vida de Samuel Luiz e apela ao esclarecemento dos feitos que rodean a morte "e que as persoas responsables non queden impunes".

Ademais, tamén condena o ataque sufrido por Alex Docherty e Marcos Fernández, a parella agredida hai unha semana; e expresa "o compromiso coa igualdade real e coa non discriminación das persoas LGTBIQA+", así como a vontade de articular desde o ámbito municipal das medidas necesarias para que así sexa.

Concentración na praza de María Pita da Coruña convocada por colectivos LGTBI para reclamar xustiza para Samuel, o mozo que recibiu unha malleira mortal na Coruña. M.DYLAN
Concentración na praza de María Pita da Coruña convocada por colectivos LGTBI para reclamar xustiza para Samuel, o mozo que recibiu unha malleira mortal na Coruña. M.DYLAN | Fonte: EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta