Feijóo a Cuba, NCG a Cataluña

Ou moito se trabucan algúns, eu incluído, ou está todo o peixe vendido. O peixe, o banco, a economía, a dignidade e o resto do país. Vendido de saldo, entregado.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 12/12/2013

Comparte esta noticia
Son varias as fontes que apuntan na mesma dirección. Se non van descarreiradas, a entidade Novagalicia Banco será entregada en breve a Caixabanc en magníficas condicións financeiras. A adxudicación suporá para o banco catalán unha enorme rendibilidade, tanto económica como estratéxica. 
 
Xa que logo, se ninguén o desminte, en cuestión de semanas desembarcarán na Coruña e máis en Vigo, unha corte de executivos cataláns co coitelo entre os dentes dispostos a replicar, inda que en versión acelerada, o recente desmantelamento sufrido polo Banco Pastor da man, nese caso, do Popular. 
 
O proceso intentarase vender (comunicar) como unha boa opción para Galicia, explicarase que se conserva a marca, que a Obra Social mesmo se potenciará, etc. O coñecido argumentario cociñado co fin de anestesiar as conciencias menos afíns, posiblemente predispostas non obstante a seguir durmindo con tal de que se lles administre unha pequena dose de tranquimazín social. 
 
Mais todo será un gran desastre! 
 
Avisamos catro, cinco, vinte veces, de que Galicia habería reaccionar no mesmo instante no que o goberno Rajoy anunciou a súa vontade de privatizar anticipadamente o banco galego. E debería reaccionar, Galicia, masivamente, todos a unha, ante a obscena discriminación aplicada respecto a Bankia. Porque se Madrid forma parte do Estado, Galicia tamén; e se Bankia pode manterse como banca pública, Novagalicia igualmente. A aldraxe resulta evidente, palpable, e de efectos brutais para nós. Porén, ninguén moveu un dedo ao obxecto de paralizar o proceso cando aínda era posible. Nin o goberno galego nin a oposición tampouco. 
 
Así mesmo advertimos por activa e por pasiva de que a opción dos fondos defendida por Castellano non era, en realidade, unha alternativa factible, nunca o foi. Pero a iso se agarraron algúns na esperanza, coido que infantil, de que a entidade terminase sendo adxudicada a un grupo investidor “amigo”. Algo que, ou moito erramos, ou non se vai producir. 
 
E entón xurde o elemento sorpresa, a imprevista oportunidade que representa o interese do grupo venezolano Banesco. Xogaron forte o xogaron serio. Mágoa que dende a outra banda, seica foran recibidos máis coma un atranco inoportuno que como unha opción interesante. Puido ter sido a gran baza do poder político galego, pero disque a rendición estaba xa presentada.
 
E así como Feijóo se dobregou hai anos ante Acebes para bloquear aquel novo Estatuto, ou ante Aznar e os seus secuaces para organizar aquela campaña de falacias contra a lingua propia, ou ante a Cospedal para propor a redución parlamentaria que a secretaria xeral do PP aplicou en Castela-La Mancha (a ese nivel se move este home), así tamén claudicou Feijóo, agora ante Rajoy, para asumir sen resistencia a entrega de Novagalicia ao tándem Mas-Fainé. 
 
A operación non deixa de ser un pau na roda do aínda presidente galego. Sábeo Feijóo e axiña reprograma a súa axenda. Primeira parada: La Habana. Para que?, preguntámonos algúns. Vainos axudar Cuba a saír da crise? Ofrece Cuba un mercado importante para os produtos galegos? Non, claro. A viaxe de Feijóo ten unha clave, sobre todo, simbólica. Quere demostrar que el vive lonxe de Génova, que os seus plans non concordan necesariamente cos do PP español. E abre unha longa distancia respecto de Madrid, en termos xeográficos e mesmo ideolóxicos. Cando menos, polo momento. 
 
En Madrid deciden que a riqueza de Galicia se goberne dende Cataluña pero iso non vai con el; el está a outra cousa. El móvese na órbita internacional, abrindo camiños cara ao futuro. E para confirmar as súas habelencias, mesmo lle ofrecen un gaseiro. Porque é ben certo que a catalá Gas Natural Fenosa encargou catro metaneiros a estaleiros asiáticos pero agora quizais precise un quinto buque e este si, este o van poder construír en Navantia Ferrol. Calcúlase que a operación asinarase un mes antes das vindeiras eleccións autonómicas de Galicia.
 
Nota final: daría algo de valor, do pouco do que dispoño, por ter que tragarme o contido deste artigo nas próximas semanas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego