Os novos contaxios dispáranse en Galicia ata os 559, o maior número desde o 12 de febreiro

A taxa de positividade increméntase a un 6,5% e os pacientes ingresados por este coronavirus ascenden a 60, deles 10 en UCI.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2021 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

Os novos contaxios de Covid-19 disparáronse por encima dos 500 ata os 559 e os casos activos repuntan a 3.670, polo que se sitúan a nivel de finais de agosto do ano pasado, mentres que a taxa de positividade chega ao 6,5% e os pacientes hospitalizados por este coronavirus ascenden a 60 --dous máis--, deles dez permanecen en UCI.

Segundo os datos publicados na mañá deste venres pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste xoves, recollidos por Europa Press, aumentan a 10 as persoas ingresadas na UCI pola Covid --unha máis-- e increméntanse a 60 as que permanecen noutras unidades --unha máis--. Pola súa banda, 3.610 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas de Vigo e Santiago e Barbanza; aumenta nas de Ourense, A Coruña e Cee e Ferrol; e mantense nas de Lugo e Pontevedra e Barbanza. Así, a área de Vigo segue sen pacientes Covid en UCI e reduce a cinco os que se atopan hospitalizados noutras unidades --dous menos--; e a de Santiago e Barbanza queda sen críticos --a xornada anterior tiña un-- e continúa un noutra unidade.

Polo seu lado, a área de Ourense mantense sen ingresados pola Covid en UCI e rexistra sete noutras unidades --tres máis--, mentres que na da Coruña e Cee soben a tres o críticos --un máis-- e permanecen 18 noutras unidades. E na de Ferrol hai dúas persoas en coidados intensivos --sen cambios-- e cinco noutras unidades --unha máis--. Sen cambios segue a de Lugo, cun paciente en UCI e catro noutras unidades; mentres que na de Pontevedra e Barbanza hai catro en críticos --un máis-- e 10 noutras unidades --un menos--.

CASOS ACTIVOS EN ASCENSO

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 disparáronse a 3.670, que supoñen 439 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (559) que altas (120). Hai unha semana, o venres 2 de xullo, rozaban os 2.000, polo que aumentaron en máis de 1.670. Deste xeito, rexistran un novo incremento por décimo sexta xornada consecutiva e mantéñense en niveis de finais do mes de agosto do ano pasado --o día 30 había 3.724--.

Por áreas sanitarias as infeccións activas ascenden de forma máis acusada na de Ourense (+123) e Vigo (+98); seguidas das de Santiago e Barbanza (+73), Pontevedra e O Salnés (+48), Lugo (+43), A Coruña e Cee (+36) e Ferrol (+18). Por tanto, a área da Coruña e Cee mantense á cabeza con 745 casos activos; seguida da de Vigo, con 734; Pontevedra e O Salnés, con 663; Ourense, con 606; Lugo, con 395; Santiago e Barbanza, con 386; e Ferrol, con 141.

CONTAXIOS DISPARADOS

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 disparáronse por encima dos 500 ata os 559, que supoñen 147 máis que os 412 da xornada pasada e máis do dobre dos 271 de fai sete días. Por tanto, continúan por encima dos 200 positivos desde o xoves 1 de xullo e do centenar desde o 24 de xuño.

En toda Galicia foron confirmados 555 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), segundo os datos actualizados por Sanidade, 145 máis que a xornada pasada, dos cales 135 corresponden á área de Ourense, 125, á de Vigo; 88, á de Santiago e Barbanza; 71, á de Pontevedra e O Salnés; 61, á de Lugo; 56, á da Coruña e Cee; e 19, á de Ferrol.

Así, os contaxiados ascenden a 132.443 en toda Galicia, deles 31.685 na área da Coruña e Cee; 26.101, na de Vigo; 20.569, na de Santiago e Barbanza; 16.544, na de Ourense; 15.142, na de Pontevedra e O Salnés; 13.535, na de Lugo; e 8.867, na de Ferrol. Galicia efectuou 2.402.119 PCR desde o inicio da pandemia, 5.665 probas máis que as rexistradas ata a xornada anterior e unhas 500 máis que as realizadas o día pasado.

En canto á taxa de positividade das PCR en Galicia disparouse a un 6,5 por cento tras manterse nun 5,8% nas dúas xornadas anteriores despois de iniciar a semana nun 3,6% e reducirse a un 2,7% o martes. Por iso, segue por encima dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que Galicia non superaba desde o 15 de febreiro (fíxoo nos datos do xoves 1 de xullo, pero a taxa foi recalculada posteriormente).

Varias terrazas con clientes durante a primeira noite da reapertura do lecer nocturno con condicións en Galicia, a 1 de xullo de 2021, en Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Varias terrazas con clientes durante a primeira noite da reapertura do lecer nocturno con condicións en Galicia, a 1 de xullo de 2021, en Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta