Por H.Harguindey | Cangas | 15/12/2013 | Actualizada ás 13:00
Unha lingua é un sistema de comunicación oral -e posteriormente escrito- constituído por elementos que podemos clasificar desde o punto de vista fonético, morfolóxico, sintáctico e semántico. Este sistema forma un todo interrelacionado.
En Baguiño a baguiño imos tocar individualizadamente cuestións da nosa lingua para facer máis doado o seu tratamento. E, cando sexa posíbel, utilizaremos exemplos collidos da actualidade ao vivo. Hoxe, a título de rápida mostra, daremos un caso de calco do español por cada tipo.
Fonética: Algunhas persoas non fan distinción entre dous sons do galego e pronuncian a semivogal representada no Alfabeto Fonético Internacional polo símbolo [j] como se fose o fonema palatal sonoro [ʎ] . O primeiro son é o que atopamos nas palabras boia, praia, choio e croio, namentres que o segundo é o de folla, palla, ollo ou piollo. Non se pronuncia igual maio (mes) que mallo (do verbo mallar) nin caia (do verbo caer/caír) igual que calla (verbo callar).
Morfoloxía: En galego non existe quenes como plural do relativo ou interrogativo quen. Nós sempre empregamos a forma quen: Quen son aqueles rapaces? Quen chamaron foron as túas veciñas.
Sintaxe: Hai moitos verbos que en galego non son reflexivos (morrer, calar, secar, partir, caír, etc.) polo que non son galegas as construcións: Morreuse un home, Cando el entrou os outros caláronse, Sécate as mans, senon Morreu... , ...calaron e Seca...
Semántica: Aínda que o Dicionario da Academia Galega acolle o verbo culto desempoar ("Tirar o po a [algo]"), na nosa lingua non presenta o significado figurado que, pola contra, si ten en español ("Traer a la memoria algo ya olvidado o utilizar lo que se desechó mucho tiempo antes" segundo definición do Diccionario da Academia Española) polo que non é bo galego dicir -como temos lido recentemente nun medio- O PP desempoa a teima de ilegalizar os gobernos de coalición. Mellor sería dicir O PP desenterra...
E, para rematar, unha locución idiomática: A boas horas mangas verdes é un simple caso de calco do español. Nós temos distintas expresións tradicionais para expresar a mesma idea, a de que algo que debía terse producido antes chega tarde de máis, cando xa non é remedio. Seguramente, a frase galega máis popular é Agora xa foi, Marica, non chores.
Temos recursos de noso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.