O galego: un todo

Novo artigo de "Baguiño a baguiño", serie de Henrique Harguindey sobre o galego, no que se expón que unha lingua forma un conxunto de trazos fonéticos, morfolóxicos, sintácticos e semánticos.

Por H.Harguindey | Cangas | 15/12/2013 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Unha lingua é un sistema de comunicación oral -e posteriormente escrito- constituído por elementos que podemos clasificar desde o punto de vista fonético, morfolóxico, sintáctico e semántico. Este sistema forma un todo interrelacionado.

Luis Tosar participando na campaña do CNTL 'Gústame o galego'
Luis Tosar participando na campaña do CNTL 'Gústame o galego'

En Baguiño a baguiño imos tocar individualizadamente cuestións da nosa lingua para facer máis doado o seu tratamento. E, cando sexa posíbel, utilizaremos exemplos collidos da actualidade ao vivo. Hoxe, a título de rápida mostra, daremos un caso de calco do español por cada tipo.

Fonética: Algunhas persoas non fan distinción entre dous sons do galego e pronuncian a semivogal representada no Alfabeto Fonético Internacional polo símbolo [j] como se fose o fonema palatal sonoro [ʎ] . O primeiro son é o que atopamos nas palabras boia, praia, choio e croio, namentres que o segundo é o de folla, palla, ollo ou piollo. Non se pronuncia igual maio (mes) que mallo (do verbo mallar) nin caia (do verbo caer/caír)  igual que calla (verbo callar).

Morfoloxía: En galego non existe quenes como plural do relativo ou interrogativo quen. Nós sempre empregamos a forma quen: Quen son aqueles rapaces? Quen chamaron foron as túas veciñas.

Sintaxe: Hai moitos verbos que en galego non son reflexivos (morrer, calar, secar, partir, caír, etc.) polo que non son galegas as construcións: Morreuse un home, Cando el entrou os outros caláronse, Sécate as mans, senon Morreu... , ...calaron e Seca...

Semántica: Aínda que o Dicionario da Academia Galega acolle o verbo culto desempoar ("Tirar o po a [algo]"), na nosa lingua non presenta o significado figurado que, pola contra, si ten en español ("Traer a la memoria algo ya olvidado o utilizar lo que se desechó mucho tiempo antes" segundo definición do Diccionario da Academia Española) polo que non é bo galego dicir -como temos lido recentemente nun medio- O PP desempoa a teima de ilegalizar os gobernos de coalición. Mellor sería dicir O PP desenterra...

E, para rematar, unha locución idiomática: A boas horas mangas verdes é un simple caso de calco do español. Nós temos distintas expresións tradicionais para expresar a mesma idea, a de que algo que debía terse producido antes chega tarde de máis, cando xa non é remedio. Seguramente, a frase galega máis popular é Agora xa foi, Marica, non chores.

Temos recursos de noso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 20 comentarios

3 Henrique Harguindey

1)Estimado itxlan : En primeiro lugar agradézolle as súas observacións ; sempre un pode aprender corrixindo erros ou maneiras de expresarse que deixan algunha dúbida. En segundo, dicir que, malia a miña titulación en Filoloxía e unha cátedra da que arestora estou xubilado, non me considero un filólogo senón un simple « lector de filólogos e filólogas », cousa importante que me obriga a documentarme ben antes de escribir.

1 ixtlan

Pídolle desculpas se as miñas palabras resultaron molestas ou excesivas, mais coido importante ser preciso e non caer en análises que poidan conducir a visións erradas entre persoas que, como moitos dos lectores deste xornal electrónico, non posúen formación lingüística ou filolóxica. Ben que aprezo os seus benintencionados artigos, parécenme pouco axeitados nun contexto como o actual, onde a énfase e a enerxía que o galego necesitan debería estar na re-galeguización e o reforzamento de prometedores fenómenos como, por exemplo, o dos neofalantes. Estas lerias sobre se a xente fala ou non "errado" (que dirían os brasileiros) honestamente paréceme unha perda de tempo e que só axuda a disuadir potenciais novos falantes ou desanima falantes xa existentes do galego. Pídolle humildemente que reconsidere o interese de artigos coma este.

2 Henrique Harguindey

Espero que a miña resposta, disgregada en 3 por problemas informáticos, resultase coherente para vostede e lectores/as. Facíalle ver que os meus "erros" non eran tais pois os corchetes nos símbolos AFI son habituais, a denominación "semivogal" é defendida por numerosos filólogos e a citada confusión de sons excede a polémica de palatal lateral versus fricativa aproximante palatal: o preocupante non é se son galgos ou podengos. E, sen deixar de coñecer e apreciar os traballos dos especialstas que vostede cita, admiro o labor do profesor Freixeiro. Finalmente, canto á utilidade destes traballos, unha longa experiencia deles faime consideralos positivos e necesario que todos nós, como seres sociais influenciados polo que ouvimos e lemos, coidemos de non deturparmos a nosa expresión. Sen obsesións nin complexos de superioridade. Compartindo unha esixencia que entre todos/as nos facemos por respecto á nosa lingua.

3 Ixtlan

Entendo pola súa resposta que ten un punto de vista xa establecido, e que quizais non estea interesado en revisita-lo tema. Como non podía ser doutro xeito, ten todo o dereito a mantelo. En todo caso, quixera convidalo a le-lo traballo de autores que quizais non coincidan plenamente ou reten os seus puntos de vista. Normalmente iso axuda a avanzar e entendermos nunha dimensión máis global os problemas. Se pode ler en inglés, recoméndolle tamén Authority in Language (Investigating Language Prescription and Standardization), de James & Lesley Milroy (Routledge). Acaba de saír unha nova edición en 2013. É extremadamente interesante a reflexión destes investigadores británicos sobre o que eles chaman "os gardiáns da lingua". Ben cordialmente,

2 ixtlan

"Algunhas persoas non fan distinción entre dous sons do galego e pronuncian a semivogal representada no Alfabeto Fonético Internacional polo símbolo [j] como se fose o fonema palatal sonoro [ʎ]." En primeiro lugar, os fonemas represéntanse no AFI (e, en xeral, en fonoloxía) entre barras / /, e non corchetes [ ]. En segundo lugar, [j] non é foneticamente unha semivogal, senón unha semiconsoante. E, en terceiro lugar, e isto é o máis importante, quen converte a pronuncia do [j] nunha consoante palatal, ó que chega en realidade é a unha fricativa ou aproximante palatal, non unha palatal lateral, realización esta última aínda presente nalgúns falantes tradicionais e de idade de certas áreas, mais marxinal no galego actual no seu conxunto, e sen dúbida tamén nos dominios hispánicos peninsular e latinoamericano, e igualmente en claro e forte retroceso no portugués brasileiro. Tamén en fonética e en lingüística, é bo documentarse antes de escribir.

1 Henrique Harguindey

1)Estimado itxlan : En primeiro lugar agradézolle as súas observacións ; sempre un pode aprender corrixindo erros ou maneiras de expresarse que deixan algunha dúbida. En segundo, dicir que, malia a miña titulación en Filoloxía e unha cátedra da que arestora estou xubilado, non me considero un filólogo senón un simple « lector de filólogos e filólogas », cousa importante que me obriga a documentarme ben antes de escribir.

2 ixtlan

Entendo que ultimamente se volveu reactiva-la teima obsesiva pola corrección e a calidade lingüística, por certo, xa antiga en galego, como tamén en castelán e portugués. Porén, na miña humilde opinión nin leva a ningures nin ten percorrido ningún. O que os galegos/an necesitan é autoestima e valoración da súa fala, en lugar de críticas continuas e descalificacións da súa maneira de expresarse. Como xa teñen salientado algúns dos autores que mencionei, esta estratexia non só non funciona nin muda nada, senón que ademais é contraproducente para os falantes de galego actuais e os posibles novos usuarios. Déalle unha volta a todo isto antes de seguir axudando a espallar estas mensaxes prescritivistas tan inútiles. Hai tanto por facer entre todos na dinamización e recuperación de falantes que non temos enerxías que perder en lerias estériles. O importante é a dinamización social do uso ou, se o prefire, a normalización lingüística.

1 teutonio

Bravo, prestou!