Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2021 | Actualizada ás 13:27
A enxeñeira química e licenciada en Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela Enyd López Fernández, experta en economía circular, dirixirá a sociedade que creou a Xunta para impulsar proxectos co obxectivo de captar fondos europeos para a reconstrución fronte á covid.
Ao consello de administración, ademais, incorpóranse dous perfís con coñecementos en materia de intelixencia artificial e economía e política financeira: Amparo Alonso Betanzos e Rosa María Sánchez-Yebra, respectivamente.
No momento da súa presentación aos medios de comunicación, unicamente homes conformaban o seu consello de administración, o que provocou fortes críticas por parte dos grupos da oposición. Despois, o vicepresidente económico da Xunta anunciou en sede parlamentaria que sería unha muller quen dirixiría a sociedade.
Así as cousas, agora, o consello de administración designou directora xeral da sociedade a Enyd López (Santiago, 1980), quen ata agora comandaba en Galicia Saica Natur, unha área de negocio pertencente ao Grupo Saica que opera no ámbito da economía circular e a xestión de residuos.
Anteriormente, dentro do mesmo grupo, dirixiu en varios puntos de España outros equipos, divisións e delegacións, segundo informa a Xunta.
"NON INVISTE"
Nun comunicado, precisa que esta compañía mixta "non inviste en executar proxectos nin asigna fondos públicos, senón que ten como misión a procura de investidores e tecnólogos".
"A Xunta encárgase de filtrar iniciativas potencialmente tractoras e, posteriormente, esta sociedade desenvólveas ata que adquiren a madurez suficiente para continuar a súa evolución en solitario", explica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.