O acordo das pensións será "especialmente lesivo" para Galicia, alertan dende a CIG

A formación cifra nun 25% o descenso destas prestacións dende o pacto de 2011, que viría continuado "de forma íntegra" no derradeiro acordo do Goberno, tildado de "regresivo" polo sindicato.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

Nova concentración da Confederación Intersindical Galega contra o acordo das pensións. A formación mobilizouse na mañá do pasado mércores con manifestacións nas sete cidades galegas  en rexeitamento ao pacto da reforma das pensións subscrito polo Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais. Segundo apuntan dende a formación, o pacto supoñerá un "empobrecemento xeneralizado" das contías percibidas no marco do sistema público.

Un ancián camiña nun municipio rural galego. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un ancián camiña nun municipio rural galego. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

 

Esta mobilización conxunta, que segue ao marco de protestas sostidas nos últimos meses, vén da man dun rexeitamento "tanto ás formas como o fondo" dun acordo que, di a CIG, "non reforza o sistema público e que mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo, así como a supresión na práctica da modalidade de xubilación parcial". O secretario xeral, Paulo Carril, que participou na concentración da Coruña, denunciou que esta reforma non só resulta "insuficiente", senón que mesmo é "regresiva";  e apuntou a que mantén en vigor a "brutal reforma de 2011", que tamén contou co aval de CCOO e UGT.

 

A reforma de 2011, engaden dende a CIG, supuxo atrasar de maneira progresiva a idade de xubilación até os 67 anos e ampliar o período de cálculo das pensións, que pasou dos 15 aos 25 anos, limitando ademais o acceso á xubilación parcial. Con estas medidas o que se buscaba era provocar unha "importante caída nas contías das pensións", cifrada por Carril nun 25%.

 

"ESPECIALMENTE LESIVO" PARA GALICIA

 

A este respecto, o secretario xeral da CIG advertiu que a reforma pactada neste 2021 "afondará neste empobrecemento das prestacións", sendo especialmente lesiva para Galicia, que se sitúa como a Comunidade coas segundas pensións máis baixas de todo o Estado. "A pensión media galega está nos 878€, moi lonxe da pensión media do Estado, situada nos 1.032€, polo que con este acordo se está consolidado esta diferenza", advertiu. Ademais, fálase de ampliar o período de cálculo aos 35 anos "co cal as contías que van percibir as galegas e galegos serán áinda máis baixas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

O que non di a CIGA é de onde van sair os cartos para pagar as pensións, porque co que se cotiza en Galicia non chega para pagar as pensións de eiquí.