Influencers, músicos e deportistas galegos xuntos nunha campaña pola igualdade de xénero

A iniciativa '#IgualdadeFollowers' está promovida pola Xunta e a Asociación de Xornalistas de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2021 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

Unha vintena de influencers e personaxes relevantes da música, o deporte, a cociña, a ciencia e o emprendimiento do panorama galego participarán na campaña '#IgualdadeFollowers' que promoven a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta e a Asociación de Xornalistas de Galicia.

Entre outros, participan os exconcursantes de 'Operación Triunfo' Roi Méndez e Sabela Ramil; os atletas Teresa Portela, Tamara Echegoyen, Susana Rodríguez, Sofía Toro e Borja Golán; a activista feminista María Murnau; a influencer de moda Erea Louro; o xornalista Héctor Ares; e o finalista de 'Masterchef 8' Iván Mariñas.

Ademais, no propio acto de presentación da iniciativa, celebrado este luns no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, estiveron a presentadora de 'Dígocho Eu' da Televisión de Galicia (TVG), Esther Estévez; o presentador do espazo 'Menos dun minuto', tamén da TVG, Gabri Fuentes; os cofundadores da empresa Beflamboyant e premiados co galardón Talento Mozo 2020, Jorge López e Tatiana González; e a influencer en lingua de signos Mari Carmen Villar.

No acto, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, explicou que a iniciativa pretende "reivindicar o papel da muller en Galicia" e concienciar aos mozos na loita contra a violencia de xénero.

Neste contexto, explicou que tanto os medios de comunicación como as redes sociais resultan "imprescindibles" neste labor de concienciación e serven como plataforma para denunciar as inxustizas "á vez que guían á opinión pública e son tribuna desde a que crear conciencia social".

Para Lorenzana, a brecha salarial, o teito de cristal, a dobre discriminación por razón de xénero e discapacidade e o acoso nas rúas son algúns dos motivos contra os que seguir loitando. "Estou convencida de que coas vosas reflexións estades a axudar a cambiar esta situación", sinaloulles aos influencers participantes.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta