Por gcdeportes | A Coruña | 21/12/2013 | Actualizada ás 02:20
Por primeira vez tras 25 anos mandando no Dépor, os accionistas tumbaron as contas presentadas polo consello de administración presidido por Augusto César Lendoiro. Foi un “non” histórico. Co 44,39% do capital presente (57.843 accións de 5.738 accionistas), foron ata 32.513 votos en contra e só 24.779 a favor. Ademáis, rexeitaron o informe de xestión e o orzamento para a tempada 2013-2014. Lendoiro non sacou adiante ningunha votación.
Os tres aspirantes á presidencia, Tino Fernández, Manuel López Cascallar e Germán Rodríguez Conchado, rexeitaron as contas e acusaron a Lendoiro de presentar números falsos. Ante as acusacións, Lendoiro defendeu a súa honestidade: "Que ninguén diga ou pense que alguén se levou un duro”. O certo é que as contas presentadas por Lendoiro sempre presentan superávit e o Deportivo acumula ata 170 millóns de débeda, como lle lembraron dende o resto de candidaturas.
O Consello de Administración non admitiu a proposta de Tino Fernández, empresario dono de Altia, de votar o cese do consello. O asesor xurídico do club, Rafael Chaver, argumentou que na delegación de accións no se incluía ese punto, a votación do cese do consello, e que non sería xusto co 55% de accionistas non presentes. Tino Fernández acusou a Lendoiro de dar "un golpe de estado" e anunciou que acudirá aos tribunais para trocar o Consello de administración. “Teño 29.537 accións máis as que me roubaron de Begano”, dixo en referencia ás 900 da empresa coruñesa que o Deportivo non aceptou, porque Antonio Couceiro (director xeral que deixa a empresa) non tiña lexitimidade para cederllas.
O Deportivo entrou no proceso concursal en xaneiro e agarda á xunta de acredores do vindeiro 10 de xaneiro, no que se ten que chegar a un acordo de convenio para garantir a viabilidade do club. Lendoiro alude a esa cita para adiar ás eleccións ata o 20/21 de xaneiro, cando está convocada a xunta extraordinaria. Por primeira vez, na xunta de accionistas deste venres só houbo unha urna para todos os votos. "Imos avanzando", dixo con sorna un socio dos históricos, Iglesias Salorio.
O avogado do club, Rafael Chaver, revelou que os administradores concursais non acudiron á Xunta de accionistas por non considerala legal, xa que a auditoría non se presentou a tempo para a consulta dos socios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.