A Marea Atlántica promove unha iniciativa para financiar proxectos cos seus excedentes salariais

Esta edición contará con 12.000 euros a repartir entre seis proxectos.

Por E.P. | A CORUÑA | 22/07/2021 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

A portavoz da Marea Atlántica, María García, presentou este xoves unha nova edición de 'Xanela de proxectos', unha iniciativa para financiar proxectos sociais cos excedentes salariais dos seus cargos públicos.

Esta edición contará con 12.000 euros que proveñen do excendente salarial do Grupo Provincial e do Grupo Municipal na Coruña. Está destinada a asociacións sen ánimo de lucro e ten como obxectivo financiar proxectos que sirvan para mellorar A Coruña.

"A 'Xanela de Proxectos' bebe directamente do noso Código Ético. A Marea Atlántica definiu un teito salarial de 35.000 euros anuais para as persoas con cargos institucionais. Cando o PSOE, nada máis chegar, subiu o soldo a toda a corporación xa adiantamos que dotariamos o excedente a proxectos que revertesen positivamente na sociedade", explicou María García.

SEIS PROXECTOS

Esta edición contará con 12.000 euros a repartir entre seis proxectos, cun máximo de 2.000 euros por proxecto. Poden participar as asociacións, fundacións ou cooperativas sen ánimo de lucro que teñan o seu ámbito de actuación na cidade da Coruña.

María García manifestou que "se trata de que a Marea Atlántica faga a súa achega particular para construír unha sociedade máis solidaria e inclusiva á vez que se reforza o sentimento de comunidade".

Na primeira edición repartíronse 10.000 euros entre cinco proxectos que foron seleccionados entre os 19 participantes. Os proxectos serviron para fomentar a inclusión dos migrantes a través da cultura galega, protexer a saúde de colectivos vulnerables, organizar o voluntariado en tempos de pandemia e dinamizar os barrios de Palavea e O Campanario.

OBXECTIVOS

"En xeral tratarase de apoiar aos proxectos que impulsen os cambios necesarios para fortalecer a sociedade post-pandemia" explicou a portavoz da Marea Atlántica.

María García agregou que "máis polo miúdo, os obxectivos pasan por contribuír a unha cidade máis próxima, solidaria e aberta, á innovación, á xustiza social e a fortalecer o tecido social".

Nesta edición o feminismo e o ecoloxismo terán que ter presenza nas propostas ou construírse desde esas perspectivas, do mesmo xeito que se valorarán as que poñan o foco no dereito á vivenda, a mobilidade, a saúde, os coidados, os dereitos civís, o consumo responsable, no tecido cultural local e na dinamización sociocomunitaria.

O prazo de presentación será do 27 de xullo ao 13 de setembro de forma en liña. O 4 de outubro publicaranse o resultado definitivos cos proxectos seleccionados.

María García, portavoz da Marea Atlántica.. MAREA ATLÁNTICA
María García, portavoz da Marea Atlántica.. MAREA ATLÁNTICA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Bravo pola coherencia da Marea Atlántica ! Imaxinades todo o que se podería facer cos "excedentes" da casta política ? Onde quedaron os proxectos sociais de Unidas-Podemos ? Onde foron parar os excedentes cobrados pola vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla ? Onde quedaron as promesas do IMV tan cacareado polo Goberno Sánchez-Iglesias ? Se os partidos deixaran de engordar igual a Sociedade Civil tería máis CONFIANZA neles !