Feijóo cre que os hostaleiros que non cumpren as medidas anticovid "van en contra do propio sector"

Defende que pedir certificado de vacinación ou PCR é "a chave" para que os locais sigan abertos e ve á maioría da hostalaría "comprometida".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2021 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este luns que pedir o certificado de vacinación ou unha PCR nas últimas 72 horas para o acceso a establecementos situados en municipios en peor situación é "a única posibilidade" e "salvoconducto" para que a hostalaría siga aberta nesas localidades con elevada incidencia de covid-19.

"Así cumprimos coa hostalaría e co comité clínico. É a chave que abre a posibilidade de compatibilizar o control da epidemia e a supervivencia da hostalaría", esgrimiu, en declaracións aos medios en Caldas de Reis, onde subliñou que "a maioría" da hostalaría "está absolutamente a favor e comprometida" coa aplicación destas medidas.

E en relación ás "excepcións", o dirixente galego lanzou un aviso: "Creo que van en contra do propio sector hostaleiro". Segundo argumentou, se non se cumpren as medidas e se manteñen as restricións, máis tempo vaise a esixir o certificado de vacinación ou a proba negativa, coas "dificultades" que aparella.

"FACÉMOLO PARA BUSCAR SOLUCIÓNS"

"Non o facemos para prexudicar; ao contrario, facémolo para buscar solucións", reivindicou, antes de incidir na evolución da vacinación (con máis do 60% da poboación galega inmunizada e máis do 70% recibindo unha dose) e na necesidade de actuar con responsabilidade.

"A vacinación, os cribados e a responsabilidade son os tres elementos cos que imos seguir avanzando", dixo Feijóo, antes de insistir en que, aínda que cada paso non está "exento de dificultades", ao longo das próximas 10 ou 12 semanas afrontarase "a última fase" deste tramo da pandemia.

Apertura do lecer nocturno en Vigo. MARTA VÁZQUEZ - EUROPA PRESS
Apertura do lecer nocturno en Vigo. MARTA VÁZQUEZ - EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta