Máis de 650 actuacións ao aire libre de teatro, música e maxia, na nova edición do "Cultura no camiño"

As actuacións estenderanse ata o 30 de setembro cunha subvención dun millón de euros repartidos entre as entidades locais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2021 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

A novena edición do circuíto de espectáculos escénicos e musicais 'Cultura no camiño' acollerá a máis de 240 formacións artísticas e bate unha marca ao chegar a ter 163 concellos adheridos.

Ademais, conta cun orzamento dun millón de euros --e o aumento dun 33% dos fondos-- distribuído entre os concellos participantes para financiar a contratación dos artistas. Celebraranse máis de 650 actuacións ao aire libre ata o próximo 30 de setembro, que xa comezaron o pasado 15 de xullo coa actuación de 'Ghazafelhos' na Guarda.

O programa foi presentado este mércores na Cidade da Cultura polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e o director de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis --patrocinadora do programa--, Antonio Cortés.

En representación da escena musical, acudiu o músico galego Xoán Curiel, mentres que a meiga Fani personouse para agradecer a posibilidade "de dar a coñecer a maxia". O acto terminou coa actuación da compañía de espectáculo de danza-circo SU.MA.

"ESCAPARATE PRIVILEXIADO" DA CULTURA

O conselleiro referiuse a esta iniciativa como un "escaparate privilexiado", capaz de trasladar "o bo e moito" que se pode facer en Galicia en canto a actividade cultural.

Así mesmo, incidiu no incentivo económico para a industria cultural que supoñen as 3.000 actividades enmarcadas dentro deste Plan de Reactivación Cultural, que fixo que o "compromiso" coa cultura non se abandonase "nin sequera o ano pasado". Nesta liña, Antonio Cortés afirmou que "a cultura non debe parar".

Pola súa banda, o músico Xoán Curiel apontoou que a súa función social é a de "motivar e animar á xente", mentres que a maga Fani destacou a "oportunidade" que supón este circuíto para "aproximar a cultura galega á xente de fóra".

SUBVENCIÓNS E XÉNEROS ARTÍSTICOS

As subvencións recibidas polos concellos sitúanse no 80% no caso de municipios con menos de 20.000 habitantes e no 60% para os de maior número de poboación.
En canto ao tipo de xéneros artísticos que se poderán ver, atópanse o teatro, con máis de 220 funcións; a música, con case 200 concertos; ou a maxia, con 100 actuacións.

Entre este mércores e o domingo 1 de agosto, hai previstas 58 actuacións en 46 localidades, que poden ser consultadas nas webs de Agadic e da Xunta de Galicia.

Presentación da novena edición de 'Cultura non camiño' no Paseo do Lago, na Cidade da Cultura, este mércores
Presentación da novena edición de 'Cultura non camiño' no Paseo do Lago, na Cidade da Cultura, este mércores | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta