O Goberno central devolverá finalmente 211 millóns a Galicia do IVE de 2017

A Xunta aprobará este xoves o teito de gasto de 2022.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2021 | Actualizada ás 20:27

Comparte esta noticia

A Xunta informou de que, na reunión deste mércores do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), o Ministerio de Facenda admitiu que a cantidade que debe a Galicia e que deberá transferir como devolución do IVE de 2017 ascende a 211 millóns de euros.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, na reunión do CPFF
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, na reunión do CPFF | Fonte: CONCHI PAZ - Xunta de Galicia.

Así o apunta a Consellería de Facenda, que celebra que con esta cantidade "resólvese a discrepancia existente entre o Executivo autonómico e o Ministerio", que "reducía este importe do principal da débeda a 184 millóns de euros".

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, asistiu ao CPFF no que se trasladaron ás comunidades as principais cifras para a elaboración do teito de gasto de 2022, que a Xunta aprobará en Consello este xoves, 29 de xullo, de cara á elaboración dos seus orzamentos do ano próximo.

Neste sentido, a Consellería de Facenda celebra que o Ministerio "dá a razón á Xunta" na súa reclamación do IVE de 2017, á vez que defende que o Executivo autonómico "actuou sempre coa máxima lealdade institucional, pero con firmeza na defensa dos intereses dos galegos".

"Por iso, Galicia foi a primeira comunidade en advertir desta situación en xullo de 2018", sostén, e "só cando tivo a evidencia de que o Goberno central non ía cambiar a súa posición, o Executivo autonómico viuse obrigado a recorrer aos tribunais".

O pasado mes de maio, o Tribunal Supremo deu parcialmente a razón á Xunta de Castela e León e á Xunta de Galicia en dúas sentenzas que obrigan ao Goberno central a devolver unha parte da liquidación do IVE de 2017.

Este mércores, a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, trasladou ás comunidades autónomas, no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), que o Goberno lles transferirá ao redor de 3.000 millóns de euros como devolución da liquidación do IVE do ano 2017.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta