Sanidade asegura vacinar aos "identificados como desprazados" logo das críticas do Defensor do Paciente

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que o Sergas "non ten ningún problema" en vacinar aos estudantes e traballadores desprazados doutras Comunidades, e que o estivo facendo "todo este tempo".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 10/08/2021 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

A asociación O Defensor do Paciente trasladaron un escrito á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para reclamar a "intervención" do Ministerio Público ante a suposta negativa da Xunta a vacinar contra a Covid a estudantes ou traballadores desprazados desde outras Comunidades Autónomas, mentres que o Sergas asegurou que si se está vacinando a estas persoas, a condición de que "estean identificados como desprazados".

A asociación emitiu un comunicado no que cualifica como "grave" esa situación, porque supón unha "discriminación" a estas persoas que, aínda vivindo en Galicia por motivos laborais ou de estudos, non poden recibir a súa dose. Así, fíxose eco, en concreto, da denuncia dunha familia de Castela e León, que ten un fillo desprazado a Galicia como estudante da Universidade de Santiago. Con todo, cando tentou ser vacinado en Galicia, aseguran, negáronlle a dose.

Por iso, reclamou a intervención da Fiscalía, porque "se está pondo en grave risco a estas persoas e, polo tanto, a todas". "Esperamos a súa solidariedade coa petición, por xusta e equitativa co que están a facer outras Comunidades con galegos desprazados", apuntou a asociación, que engadiu que, na súa opinión, está a cometerse "un delito".

A preguntas dos medios sobre estas críticas, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que o Sergas "non ten ningún problema" en vacinar aos estudantes e traballadores desprazados doutras Comunidades, e que o estivo facendo "todo este tempo".

"IDENTIFICADO COMO DESPRAZADO"

"O que necesitamos é que ese cidadán estea identificado como desprazado aquí, por motivos de estudo (no caso dos estudantes)", engadiu, e matizou que, se non está identificado, a administración non é capaz de "diferenciar unha persoa que acaba de entrar hoxe en Galicia dunha persoa que leva tres meses".

Segundo insistiu, se a comunicación de que é unha persoa desprazada por motivos de estudo "está feita", poderá ser vacinado, e afirmou que o Sergas leva "moitísimo tempo" vacinando "a ese perfil de cidadán" e continuará facéndoo.

VACINACIÓN A TURISTAS

Por outra banda, con respecto á posibilidade de vacinar a turistas ou visitantes que cheguen a Galicia desde outras Comunidades e que durante a súa estancia tivesen que porse algunha dose, Julio García Comesaña lembrou que o goberno galego expuxo no seu momento "que non estaría mal" ter un sistema de "compensación" de vacinas por se alguén de fóra, "de forma puntual", tivese que vacinarse na comunidade galega, ou se algún galego tivese esa mesma necesidade estando noutra rexión de España.

Con todo, engadiu, "o Ministerio (de Sanidade) non viu oportuno este sistema de compensación e acordouse non vacinar entre Comunidades Autónomas". "Iso decidiuse nun Consello Interterritorial e é o que se está facendo en Galicia (...) e entendemos que no resto de Comunidades. A pesar de que Galicia o pediu, ese sistema non existe", aseverou, antes de volver puntualizar que si se vacina ás persoas que figuran identificadas como "desprazados".

Unha profesional sanitaria, nun dispositivo de vacinación masiva fronte ao Covid-19
Unha profesional sanitaria, nun dispositivo de vacinación masiva fronte ao Covid-19 | Fonte: Juan Manuel Serrano Arce - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta