Pillan un furtivo no Tambre con 71 troitas de talla ilegal en época de veda e cunha arte prohibida

O home fuxiu no seu vehículo ao ser interceptado e os axentes non puideron localizado ata dous días despois.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2021 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Axentes ambientais dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda localizaron a semana pasada un furtivo que pescaba troitas no río Tambre en época de veda e utilizando unha arte de captura masiva prohibida. No momento en que foi interceptado, levaba unha cesta con 71 troitas das que tan só seis alcanzaban a medida mínima legal permitida no tramo fluvial.

A actuación, segundo informa a Xunta, enmarcouse nun operativo conxunto contra a práctica de actividades ilícitas ao redor da pesca continental, no que ademais de catro axentes pertencentes ás xefaturas territoriais de Pontevedra e A Coruña colaborou a Garda Civil. Os feitos producíronse na madrugada do 13 de agosto, despois de que persoal do Distrito XVI Deza-Tabeirós iniciase un operativo de control do pescador, residente no municipio da Agolada e ao que tiñan baixo seguimento desde facía dous meses.

O presunto furtivo comezou a súa actividade no río Tambre, ao seu paso por Boimorto, e no momento en que se dirixía de volta ao seu vehículo, os axentes interceptárono. Nese momento comprobaron que levaba un macuto cunha cesta na que contabilizaron un total de 71 troitas, na súa maior parte de talla ilegal. Tamén portaba unha 'chumbeira' --rede de pesca de forma circular e provista de chumbos ao rededor que se utiliza en lugares de pouca profundidade e cuxo uso está prohibido-- e un vadeador, material que lle foi incautado xunto cos exemplares do cesto.

O home mantivo unha actitude, segundo a Xunta, de "escasa colaboración" cos axentes, dificultando a súa actividade inspectora. De feito, negouse a facilitar a entrega do material e tras darlles o contido do macuto "fuxiu precipitadamente no seu vehículo", apunta. Por esta razón, os funcionarios da consellería deron aviso do ocorrido á Garda Civil, que enviou unha patrulla de apoio esa mesma noite e acompañounos ata o domicilio do pescador, en Agolada, onde non puideron localizalo ata dous días despois.

Tras identificalo, os axentes do servizo de Patrimonio Natural notificáronlle que ía ser denunciado por desenvolver unha actividade de pesca cunha arte prohibida en horas e época inhábil, negarse á súa identificación, darse á fuga e por desobediencia aos requirimentos dos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións, este último feito denunciado tamén ante a Delegación do Goberno.

Pola comisión dos feitos descritos, o presunto furtivo poderá ser sancionado, polo menos, por dúas infraccións graves incluídas na lei de pesca continental de Galicia

Troitas incautadas a un furtivo no Tambre. XUNTA
Troitas incautadas a un furtivo no Tambre. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta