Temas: INCENDIOS DRON

Drons, os novos aliados contra os incendiarios

Monterrei (Ourense) acolle unha manobra conxunta de demostración do uso de aparellos voadores non tripulados para a loita contra os lumes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/08/2021 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

Galicia "suma sinerxías nos montes galegos" co despregamento de medios humanos e tecnolóxicos para detectar condutas e presuntos incendiarios, segundo destacou este xoves o conselleiro de Medio Rural, José González.

Manobra de demostración do uso de drones para detectar incendiarios
Manobra de demostración do uso de drones para detectar incendiarios | Fonte: Xunta.

O Concello de Monterrei (Ourense) acolleu unha manobra conxunta de demostración do uso de drons para loitar contra os incendios forestais realizando traballos de vixilancia e disuasión nos montes galegos.

Á demostración asistiu o conselleiro, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e o xeneral Luís Cortés, xefe da 'Operación Sentinela Galego'.

O titular de Medio Rural destacou que a Xunta de Galicia "suma sinerxías nos montes galegos" e engadiu que "son moitos os ollos, tanto humanos como tecnolóxicos, os que están sobre o terreo para anticiparse aos lumes".

Así, advertiu que se intensificaron os reforzos para que "caia sobre os incendiarios todo o peso da lei" e para que teñan que afrontar tamén os gastos de extinción de incendios, que "son elevados".

Deste xeito, trasladou que o Goberno galego conta actualmente con 12 drons para as tarefas de vixilancia, prevención e detención de incendiarios e a eles súmanse os que achega o Exército dentro da 'Operación Sentinela Galego'.

Ademais, lembrou que máis do 70% do territorio está vixiado "mediante cámaras de última xeración que permiten mesmo ver matrículas de vehículos".

Fixo saber que non só se conta cos medios tecnolóxicos, senón que están despregados medios humanos por todo o monte galego entre os efectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios da Xunta e as patrullas dacabalo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e as do Exército.

González agradeceu a colaboración cidadá lembrando que teñen á súa disposición, ademais do teléfono 085, o 900 815 085 para "informar de actuacións delictuosas incendiarias" que despois estudaría o UIFO, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais.

Con todo iso, González destacou que o 87% dos incendios rexistrados esta tempada quedaron en conatos, queimaron menos dunha hectárea, e o 98% non superaron as 25, "o que evidencia a profesionalidade dos medios implicados", celebrou o conselleiro de Medio Rural.

Temas: INCENDIOS DRON
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta