O PSOE ourensán planta a Jácome nunha reunión porque "non parece de fiar"

Villarino anuncia que levarán a cuestión aos tribunais, mentres que o rexedor o trata de "cadáver político".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2021 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O portavoz local do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, rexeitou acudir á reunión á que lle convocou este mércores o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, para abordar a modificación de crédito municipal por 62 millóns, unha medida que os socialistas recorrerán por vía xudicial.

En declaracións aos medios, o socialista Rodríguez Villarino explicou que presentou por rexistro un comunicado no que explica ao alcalde que non acudirá a "ningunha reunión individual" para abordar un asunto de "tanta relevancia" para a cidade.

"Non compartimos esta forma de actuar, somos un partido demócrata que entende que este tipo de asuntos deben de tratarse na xunta de portavoces, un partido que confía na democracia e que non quere arranxar as cousas pola porta de atrás", incidiu.

Así mesmo, considerou que "sería unha falta de respecto" pola súa banda reunirse cunha persoa como Jácome, que se dirixe "de forma pouco respectuosa á cidadanía". "Non respectou nin aos grupos políticos, nin ao PSOE nin ao BNG noutras etapas, e agora tampouco respecta á cidadanía", censurou.

Tras incidir en que un tema destas características debe ser abordado nunha xunta de portavoces, asegurou tamén que Jácome "non parece unha persoa de fiar como para ter unha reunión" en solitario. "A xunta de portavoces está para algo", manifestou antes de apelar á "transparencia" e soster que "os fondos son públicos" polo que "todo o mundo debe de ser coñecedor dos criterios que imperan á hora de distribuílos".

RECURSO POLA VÍA XUDICIAL

Así mesmo, tras censurar que se trate de "furtar aos grupos" e "mesmo a calquera cidadán" a posibilidade de "alegar" e "mellorar as propostas" formuladas polo Concello, confirmou que a súa formación recorrerá pola vía xudicial esta modificación de crédito.

"Non o fixemos ata agora porque agosto non é un mes hábil para estas cuestións, pero ímolo a facer por democracia, por responsabilidade", subliñou para criticar que o PP continúe apoiando a Jácome por "puro interese económico".

RESPOSTA DO ALCALDE

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Gonzálo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), reprochou a "mala educación" do socialista por enviar unha carta "dez minutos antes" da reunión para informar de que non asistiría. "Isto xa o tiñan pensado pero esperaron ata o último minuto", censurou.

Tras lembrar que como alcalde "convocou ao líder da oposición", quen di que "non procede" o encontro, considerou que "se cadra" Villarino "xa está a actuar como o cadáver político que é". "Do mesmo xeito que aos zombis lles chaman os non vivos ou non mortos, pois o señor Villarino está a actuar dun non ninguén na política municipal", afirmou.

"Dinos que non vai a unha reunión para tratar estes temas e que hai que convocar a todos os portavoces... É algo insólito", sostivo Jácome, que comparou a situación cunha convocatoria dun presidente do goberno a un líder da oposición. "Imaxínese que o presidente do Goberno convoca ao líder da oposición e leste di: non non, ten que vir todos, os do Bildu, o BNG... É algo insólito", incidiu.

Por último, preguntado pola intención dos socialistas de recorrer pola vía xudicial a modificación de crédito, Jácome incidiu en que a execución orzamentaria "xa está en marcha". "Outra cousa é que consigan freala. Agora mesmo non hai ningún obstáculo", sinalou.

O portavoz local do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, co escrito presentado a Jacóme. PSDEG OUNRENSE
O portavoz local do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, co escrito presentado a Jacóme. PSDEG OUNRENSE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta