'A receita galega', un microdocumental que mostra as claves para un envellecemento "activo e saudable"

No documental móstranse os hábitos de vida e a rutina dalgunhas das persoas máis lonxevas con moi bo estado de saúde e, ao mesmo tempo, establécese un contraste coas achegas dun grupo de expertos en materia de envellecemento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2021 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

O microdocumental 'A receita galega' aborda as claves para un envellecemento "activo e saudable" en Galicia, e serve ademais de pistoletazo de saída a unha das liñas estratéxicas da dirección de Saúde Pública, segundo destacou a súa directora xeral, Carmen Durán.

O proxecto audiovisual foi presentado este xoves, ademais de por Carmen Durán, por Germán Bugallo, médico residente de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e responsable do proxecto, e por Silvia Suárez, subdirectora xeral de programas de fomento de estilo de vida saudable.

"A ningún nos escapa a situación na que estamos, cunha poboación moi envellecida nun país xa de seu moi envellecido. Pero non é só cumprir anos, senón mellorar a calidade de vida dos maiores, impulsando hábitos de vida saudable e evitando o illamento e a soidade", explicou Durán.

Trátase dunha iniciativa en formato microdocumental rodada a comezos deste ano entre as cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Quintela de Leiredo, unha parroquia que chamou a atención dos responsables do documental pola idade "e a boa saúde" dos seus veciños.

No documental, móstranse os hábitos de vida e a rutina dalgunhas das persoas máis lonxevas con moi bo estado de saúde e, ao mesmo tempo, establécese un contraste coas achegas dun grupo de expertos en materia de envellecemento.

"É, por tanto, un proxecto de actualidade que aborda diversos aspectos como a actividade física, a alimentación, o soño e os aspectos psicosociais de interacción coas persoas e coa súa contorna", explicou a Consellería de Sanidade nun comunicado.

"HAI QUE VIVIR MÁIS, PERO HAI QUE VIVIR MELLOR"

Tras a proxección do documental, tivo lugar un coloquio no que participaron, ademais de Silvia Suárez, Sara Marsillas, doutora en psicoloxía e investigadora en Matia Instituto; así como Eduardo Carballeira, profesor de educación física e ciencias do deporte na Universidade da Coruña.

"Estamos nun escenario sen precedentes, cuns marcadores que indican que vivimos máis, pero hai que vivir máis e mellor", afirmou Bugallo, que sinalou ademais o papel das administracións locais na adaptación das contornas urbanas "a todo o ciclo vital", "fomentando así a autonomía durante máis tempo".

Outros factores destacados no coloquio foron o deporte, "o único medicamento multifactor", a xestión da soidade, ou a creación de vínculos fortes coa contorna, especialmente difícil nas grandes cidades, onde "o anonimato gaña espazo".

Arquivo - Residencia de maiores. XUNTA - Arquivo
Arquivo - Residencia de maiores. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Minhamamainhadoceo

Nas rutinas d'A receita galega, falou a directora xeral da carretaxe de votos da xente maior aos colexios electorais? Dígoo porque esa si que é unha rutina ben arraigada no noso país.

1 xesc

Esa é boa.