Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2021 | Actualizada ás 17:55
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) alertou "da preocupante escalada" de custos das materias primas agrícolas para alimentación animal desde o verán do 2020 "e que afecta excesivamente o sector agroalimentario". Unha situación provocada polo especulación dos fondos de investimento, que tamén entraron neste sector.
En concreto, sinala que o importe do millo á súa entrada en porto ascende actualmente a 270 euros por tonelada, un 52,5% máis que hai un ano. Mentres, o trigo custa 267 euros, o que supón un 40% máis que hai un ano, e a soia está en 415 euros por tonelada, un 30% máis que hai un ano.
"Estas tres materias primas son as máis utilizadas na composición da dieta de alimentación animal e marcan a tendencia ao resto, pero tamén son alarmantes os encarecementos da cebada, colza ou girasol", explica. A eles súmase o valor da manteiga, que se sitúa en 1.090 euros por tonelada, un 66% máis que hai un ano.
Os principais motivos desta "progresiva escalada" atribúeos a "unha revisión á baixa das existencias mundiais; unha menor produción da estimada nos países con máis capacidade de exportacións no mundo e tamén acontecementos climatolóxicos adversos que fixeron minguar os rendementos finais".
"No entanto, outra das causas, talvez a máis importante, foi a irrupción dos fondos especulativos de investimento nas bolsas agroalimentarias ante a incerteza económica xeral e a falta de alternativas, que os levou a realizar investimentos millonarios, o que foi un factor definitivo para disparar os custos das materias primas", apunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.