O BNG pide en Europa investigar o baleirado de encoros das eléctricas

A voceira Ana Miranda reclama sancións para Naturgy e Iberdrola.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2021 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denunciou que o baleirado de encoros realizado por Naturgy e Iberdrola "vulnera a Directiva Marco da auga da Unión Europa (UE)" e reclamou sancións para as compañías responsables.

Así, sinalou que os incumprimentos aos que se refire implican permitir que os encoros Cenza e Portas (Ourense) "queden nun 15% da súa capacidade habitual" cando esta se adoita situar "nun 50% e un 75%, respectivamente", segundo recolleu o Bloque nun comunicado.

Ante esta situación, demandou sancións para as compañías eléctricas que impulsaron o baleirado e a apertura dunha comisión de investigación sobre as consecuencias e as responsabilidades derivadas do mesmo. Ademais, incidiu na necesidade de que as empresas palíen a situación e aumenten a cantidade de auga dos encoros afectados.

Ana Miranda afirmou que o baleirado de encoros representa un exemplo do "espolio e o roubo que sofre Galicia", onde as grandes empresas hidroeléctricas "fan o que queren para engrosar a súa conta de beneficios sen ningún organismo público que lles faga fronte", mentres "o prezo da luz experimenta subidas sen parar".

Así as cousas, o Bloque considerou "inadmisible" a "inacción da Xunta e o Goberno central fronte a estafa diaria que padece a cidadanía", así como que o Goberno galego "coñecese previamente a intención de Iberdrola de baleirar os encoros". Por outra banda, a formación nacionalista defendeu a necesidade de cambiar o sistema de fixación do prezo da enerxía eléctrica, pasando a depender do custo da tecnoloxía.

Ana Miranda. BNG
Ana Miranda. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta