Xornada de luxo para pechar o Festival RIR de Allariz

Ademais do ciclo de Stan Laurel & Oliver Hardy e os pases de curtametraxes, haberá unha interesante mesa redonda sobre os límites do humor, un podcast sobre o absurdo e a gala final de entrega de premios na que Touriñán recibirá o premio ‘RIR contigo’.

Por X.M. Fernández | Allariz | 11/09/2021 | Actualizada ás 10:55

Comparte esta noticia

O IV Festival Internacional de Curtas de Comedia de Allariz baixará o telón este sábado 11 de setembro despois de 4 días de intensa actividade que chegou ao público dende diferentes localizacións da vila do Arnoia.

Festival RIR de Allariz
Festival RIR de Allariz

Nesta xornada de remate, que empezará ás 12:00 h. cunha actividade para a cativada consistente nun pintacaras ou tatoo temporal, preséntanse outras interesantes citas para os/as amantes do humor.

Pola mañá, ás 12:00 h. haberá unha Mesa Redonda baixo o título “Os límites do humor” conducida por Óscar Cruz. Nela participarán Alberte Montes, Pepe Capelán e Carla Mañás.

Xa pola tarde, ás 16:30 h., estes mesmos protagonistas gravarán un podcast no que as conversas entre eles xirarán arredor “do absurdo como canle cómica”. Tanto a Mesa Redonda como o Podcast poderán seguirse en directo e a través de Youtube Live Streaming.

Ás 17:00 h. dará remate o Ciclo de Stan Laurel & Oliver Hardy co pase de varias proxeccións, e ás 17:30 terá lugar o 2º pase das Curtametraxes a competición dentro do xénero Documental e Mockumentary. Para as 18:00 h. está programado o 2º pase das curtas de Ficción II.

Intervintes da Mesa Redonda sobre 'os límites do humor'. Montaxe fotográfica: Festival RIR
Intervintes da Mesa Redonda sobre 'os límites do humor'. Montaxe fotográfica: Festival RIR

GALA FINAL

Ás 20:30 h. a Casa da Cultura acollerá a Gala de Entrega de Premios desta IV edición do Festival Internacional de Curtas de Comedia RIR. Ademais da entrega de galardóns ás obras audiovisuais procederase tamén a entregar o premio “RIR Contigo” que este ano recibirá o humorista e actor Xosé A. Touriñán.

A presentación do evento correrá a cargo de Caldas e Mancho e para asistir ao mesmo en directo é precisa inscrición previa. Tamén se poderá seguir por Youtube Live Streaming.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta