Galicia, campiona en destrución de emprego

A EPA do cuarto trimestre confirma a evolución de 2013 no seu conxunto. En España, cae lixeiramente o número de parados inda que manténdose o índice de desemprego nese 26% bestial. A ocupación segue á baixa. Galicia, peor que ningunha outra comunidade autónoma.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 27/01/2014

Comparte esta noticia
Os datos demóstrano sen o menor anaco de dúbida: as economías española e galega son incapaces de crear emprego. Dada a evidencia das cifras, a unanimidade resulta case total: é certo que o número de parados diminuíu en 69.000 persoas en España durante 2013, un parco 1,1%, pero éo tamén que o número de activos reduciuse en 198.900 cidadáns. Tradución: a baixada do paro explícase pola emigración e polas persoas rendidas, as que xa non buscan traballo. Lembremos que a EPA entende por parado aquela persoa maior de 16 anos que, manifestando vontade de traballar, non ten ocupación. 
 
Outra realidade incuestionable é a de que Galicia presenta a peor evolución no conxunto do Estado, mírese como se mire. Se entre 2012 e 2013, a taxa de paro en España se mantivo no 26%, en Galicia deteriorouse sete décimas, do 21,7 ao 22%. Se, como diciamos, en España se reduciu o número de desempregados en case 200.000 persoas, en Galicia aumentou en 400. E se en España, a poboación activa caeu un 1,2%, Galicia máis que triplicou esa cifra pois os seus activos diminuíron un 3,8%. 
 
Para que ninguén poida alegar tendenciosidade en quen escribe, traduzo literalmente textos da nota de prensa do INE: 
 
- As comunidades autónomas nas que máis crece a ocupación respecto ao trimestre anterior son Cataluña (25.400 máis), Canarias (22.000) e Comunitat Valenciana (20.000 máis). Os maiores descensos danse en Illes Balears (61.900 menos), Castela León (25.500) e Galicia (18.900 menos). 
 
- Cataluña (1,91%), Illes Balears (0,88%) e La Rioja (0,87%) presentan os maiores crecementos anuais da ocupación. Pola súa parte, os descensos máis acusados obsérvanse en Aragón (–6,05%), Galicia (–3,77%) e Castela León (–3,44%). 
 
A situación da economía galega dificilmente podería ser peor. Ante ela, un goberno concentraríase ata dar cun programa ambicioso de revitalización das súas estruturas económicas dirixido ao estímulo do crecemento e dedicaríase en corpo e alma a este asunto esencial. En troca, velaí as lacónicas e inadmisibles declaracións de Feijóo quen recoñece que a situación é inaceptable en España pero que en Galicia a cousa está mellor. Nos vindeiros días, este fenómeno das cortinas de fume, volverá falar da redución de escanos no parlamento. E os medios con el. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego