Mar clarificará aspectos da norma de pesca deportiva en portos, como que menores poidan pescar con adultos

A conselleira Rosa Quintana remarca que a normativa segue aberta a cambios.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2021 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

Portos de Galicia clarificará algúns aspectos da norma de pesca deportiva en portos autonómicos para que "se entendan cuestións", como a vontade de que os menores poidan desenvolver esta práctica sempre que estean acompañados dun adulto --por exemplo, un afeccionado con varios fillos--. Diso informou este mércores a conselleira do Mar, Rosa Quintana, nun encontro con varios representantes de entidades galegas relacionadas coa pesca recreativa.

Así, defendeu o avance que supón a publicación da resolución de Portos de Galicia sobre a pesca recreativa nos peiraos autonómicos, na que se autoriza a esta práctica en 107 dos 122 portos galegos, de forma que se pon fin á prohibición que estaba vixente desde os anos 70.

Ante a polémica por cuestións como que menores non poidan pescar nos portos, o Goberno galego abriuse a que haxa aclaracións sobre a norma. Igualmente, Quintana apela a "a responsabilidade de todas as partes" e lembra que esta resolución é froito do acordo con entidades representativas tras unha decena de reunións nos últimos meses.

Neste sentido, incide en que a posta en marcha da norma pretende pór fin á prohibición desta actividade e ás sancións que estaban a recibir algúns afeccionados por pesca ilegal a consecuencia das actas de infracción levantadas polos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado nos distintos peiraos autonómicos.

Remarca que, desde o primeiro momento, tratouse dunha normativa aberta a cambios, coa posibilidade de ampliar as zonas de pesca, dependendo da evolución da actividade e sempre que fose compatible co labor profesional que se desenvolve nos portos.

"Sempre que sexa compatible a actividade de lecer coa profesional, desde logo que a autorizaremos, pero temos unha comunidade con 1.600 quilómetros de costa e hai suficiente espazo para realizar as dúas sen que unha interfira na outra. Estamos a regular do mesmo xeito que o fixeron outras comunidades e estamos a avanzar no que se acordou no seu día cos representantes dos pescadores deportivos", explica a titular de Mar.

Xunto a isto, Mar lembra que se detectaron, aínda que sexan minoritarios, comportamentos reprobables dalgúns afeccionados que pon en risco ao conxunto dos usuarios ademais de usos inadecuados de distintos elementos portuarios.

Na reunión estiveron presentes representantes da Asociación Galega en Defensa da Pesca Recreativa (Agapder), da Federación Galega de Pesca e Cásting, da Federación Galega de Pesca Recreativa e da asociación de establecementos de venda de artigos de pesca recreativa.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Linguas, reúnese con representantes de varias entidades relacionadas coa pesca recreativa. XOÁN CRESPO
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Linguas, reúnese con representantes de varias entidades relacionadas coa pesca recreativa. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta