O BNG pide que o Estado pague a débeda do porto da Coruña polas obras feitas tras o Prestige

Insta á Xunta e ao Concello a facer unha "fronte común" para esixilo á administración central.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu á Xunta e o Concello da Coruña que fagan unha "fronte común" para esixir ao Goberno a condonación da débeda do porto herculino, como se fixo en Valencia.

Fíxoo, nunha comparecencia xunto ao portavoz municipal da formación nacionalista, Francisco Jorquera, quen, como Pontón, rexeitou que se pague polos peiraos interiores e reclamou que sexa o Estado quen asuma a débeda, contraída por mor das obras de Punta Langosteira despois da catástrofe do 'Prestige'.

Ambos incidiron en que foi unha decisión do Estado e adoptada nun Consello de Ministros. "Non ten ningún sentido pagar con diñeiro público o que xa é público", sinalou Pontón, quen pediu á administración municipal e a galega que fagan desta cuestión un "asunto de país".

"Xa abonda de discriminacións", argumentou tamén en liña co exposto por Jorquera, quen cuestionou que no pleno municipal todos os grupos, incluído o PSdeG e o PP, apoiasen a condonación da débeda e logo, desde o goberno local e a Xunta, "se siga discutindo pola cantidade de diñeiro para recuperar os terreos", engadiu sobre os convenios que se expoñen.

"Onde está Feijóo?", preguntouse tamén a portavoz nacional do BNG, quen anunciou que o seu partido promovorá iniciativas no concello herculino, o Parlamento galego e o Congreso sobre a condonación da débeda.

Da mesma, dixo tamén que "hai formas de sortear esta cuestión" como "compensarse cun investimento equivalente na cidade", argumentou tras cifrar a débeda en 330 millóns. "Con 40 millóns en intereses pagos", incidiron tanto Jorquera como Pontón sobre o abonado ata o momento.

Punta Langosteira
Punta Langosteira | Fonte: Porto da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta