A Xunta detecta un 8% de incumprimentos sanitarios no sector hostaleiro tras as reaperturas

Saúde Pública prevé realizar unhas mil verificacións por semana cun reforzo do persoal inspector do 30% coa nova campaña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

Os inspectores sanitarios detectaron un oito por cento de incumprimentos en locais hostaleiros tras a posta en marcha do primeiro plan de hostalaría segura no marco da crise sanitaria pola pandemia pola Covid-19.

Así o informou en comisión parlamentaria a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, en resposta a unha pregunta do grupo popular sobre a campaña de reforzo para o cumprimento das medidas sanitarias fronte ao coronavirus nos establecementos galegos.

Durán informou dos resultados da campaña de reforzo posta en marcha pola Xunta para velar polo cumprimento das medidas sanitarias fronte á Covid-19 nos establecementos galegos co traballo de 200 inspectores de Saúde Pública que visitaron un total de 20.234 establecementos en Galicia.

Entre os meses de febreiro e xuño visitaron 4.896 establecementos pertencentes ao sector da alimentación, 584 centros comerciais e prazas de abastos, 2.628 instalacións deportivas, 12.034 establecementos de hostalaría e 92 doutros sectores.

Os inspectores, explicou Durán, constataron que o 55 por cento dos locais cumprían coas medidas e detectaron que o 34% rexistraban "deficiencias leves" e un 11 por cento presentaban incumprimentos.

Tras o inicio do plan hostalaría segura, puntualizou, o 42% dos locais inspeccionados cumprían, o 25% presentaba "deficiencias menores" e uns 8% incumprimentos da normativa, o que supoñen unha porcentaxe "francamente baixa", valorou.

Deste xeito, do conxunto de visitas realizadas soamente, puntualizou, iniciáronse informes para corrixir os incumprimentos detectados en 154 locais, o que representa o 0,76 por cento do total, destacou a directora xeral.

En canto aos datos obtidos durante o período estival, no que respecta ao cumprimento nas praias galegas, indicou que o persoal de inspección realizou máis de 500 visitas a areais para verificar o cumprimento das medidas covid. Así, as revisións foron favorables no 61% dos casos, detectáronse deficiencias no 25% de areais e incumprimentos no 14% das visitas.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, en comisión parlamentaria.. XUNTA
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, en comisión parlamentaria.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta