Un botellón de 2.000 persoas disolto con cargas ante un local de lecer nocturno en Santiago

O alcalde de Santiago recalcou que a policía actuou tras solicitar aos mozos que abandonasen a zona, algo que non ocorreu e que algúns grupos comezaron a lanzar obxectos -botellas, vasos e similares--, segundo confirmou o propio alcalde.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2021 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

A policía desaloxou este xoves en Santiago de Compostela un grupo de máis de 2.000 mozos que se reuniron no exterior dun local de lecer nocturno tras o peche do mesmo e, dadas as queixas dos veciños e "as negativas dos mozos a abandanonar a zona", foron dispersados "con cargas policiais puntuais e dirixidas a grupos concretos".

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou os feitos e defendeu a actuación policial durante a noite deste xoves nos arredores da discoteca Ruta, na zona do Ensanche compostelán.

"Cando a Policía dá unhas instrucións e non son obedecidas, ten o dereito de defenderse e o deber de pór fin a unha situación de infracción que está a ocasionar molestias aos veciños da zona", asegurou Bugallo.

E é que durante a noite deste xoves, a partir das 3,00 horas, ao pechar a mecionada discoteca e ser desaloxado o local, grupos de mozos reuníronse na zona para seguir coa festa e celebrar un botellón. O rexedor matizou que non todos proviñan do interior da discoteca --"onde habería 200 ou 250 persoas"--, e que a multitude podía alcanzar as 2.000 persoas.

"CONFLITO DE ORDE PÚBLICA"

Bugallo recalcou que a policía actuou tras solicitar aos mozos que abandonasen a zona, algo que non ocorreu e que algúns grupos comezaron a lanzar obxectos -botellas, vasos e similares--, segundo confirmou o propio alcalde, aos axentes, "motivo que provocou a carga policial". O alcalde asegurou que non lle consta que se disparasen pelotas de goma, como aseguran algúns dos participantes.

O alcalde informou ademais de que hai un axente policial ferido, aínda que "leve e dado de alta". Nos vídeos gravados por algúns dos mozos, publicados en redes sociais, pódese ver a algún con feridas sanguentas na cabeza; ao que Bugallo aseverou que está "seguro" de que os axentes utilizaron "a forza necesaria e suficiente para conseguir o obxectivo de que se disolvese a concentración". Aínda non se coñece o balance de feridos entre os participantes na aglomeración.

"Non me gusta ver estas imaxes en Santiago pero con esas multitudes e a esas horas, que non son as máis claras do día, é difícil concretar as actuacións", defendeu Bugallo, que insistiu en que comprende a "necesidade" dos mozos de socializar tras 18 meses de pandemia, pero "unha concentración de 2.000 persoas, facendo ruído ás 3 da mañá, non está xustificada en ningún sitio".

Este venres, a Policía Nacional informou de que abriu dilixencias polos feitos ocorridos esta pasada noite, uns feitos que Bugallo lamentou que deixasen de ser "problemas de convivencia" para converterse en "problemas de orde pública".

Coche patrulla da Policía Nacional
Coche patrulla da Policía Nacional | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta