Feijóo fala de convocar un MIR extraordinario con 1.000 prazas para médicos e pediatras de Primaria

Tamén pediu que as comunidades con vacantes de exercicios anteriores "poidan sacalas todas", polo menos nos casos das autonomías que "cumpren" cos criterios de consolidación fiscal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2021 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu este xoves en que, á marxe dos contactos entre o Ministerio e as comunidades, o "máis rápido e urxente" é activar xa, neste trimestre, un MIR extraordinario para médicos e pediatras de Atención Primaria de 1.000 prazas.

Isto permitiría --segundo Feijóo-- "empezar o próximo ano con 1.000 profesionais formándose e prestando asistencia aos cidadáns", mentres que outras solucións poden ir máis lentas.

Así as cousas, o presidente galego recalcou que a proposta do Executivo autonómico é "moi clara" e pasa por este MIR extraordinario, ademais do "incremento permanente" da posibilidade de formar en Primaria, e "unha nova especialización en urxencias e emerxencias para que os médicos de familia non migren".

Tamén pediu que as comunidades con vacantes de exercicios anteriores "as poidan sacar todas", polo menos nos casos das autonomías que "cumpren" cos criterios de consolidación fiscal.

Finalmente, tras manifestar o seu desexo de que o Ministerio poña propostas concretas sobre a mesa, censurou a "demagoxia impropia" de pór o foco nas comunidades sen darlles "ferramentas" para mellorar a situación.

Rolda de prensa do Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Rolda de prensa do Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta