Continúa sen restablecer o servizo de auga potable en Curtis, cortado desde o mércores por unha vertedura

Unha vez sometidas a análise no laboratorio, as mostras confirmaron a elevada presenza de amonio na auga, o que indica a posibilidade dunha vertedura de xurros ao río.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2021 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

Técnicos da empresa concesionaria do servizo de augas e dos servizos municipais do Concello de Curtis continúan cos traballos este venres para tratar de restablecer o servizo de auga potable nos núcleos de Teixeiro e Curtis, interrompido desde a noite do mércores pola detección dunha vertedura de xurros no río Carballido.

Segundo informou o consistorio municipal nun comunicado, a detección o pasado mércores dunha baixada repentina dos valores de cloro nos depósitos de cabecer motivou a paralización da ETAP.

Unha vez sometidas a análise no laboratorio, as mostras confirmaron a elevada presenza de amonio na auga, o que indica a posibilidade dunha vertedura de xurros ao río. Por este motivo, os depósitos foron pechados para a súa limpeza e a rede foi baleirada para evitar o consumo.

Desde entón, técnicos da empresa concesionaria e dos servizos municipais traballan para liquidar este problema, causado por unha vertedura de xurros no lugar da Lagoa da parroquia de Fisteus. As actuacións permitiron restablecer o abastecemento no pobo de Teixeiro e en Curtis, aínda que se trata de auga non potable e, por tanto, non apta para o consumo. O concello habilitou tres camións cisterna en Teixeiro e Curtis para facilitar auga potable aos veciños.

Camión cisterna en Curtis (A Coruña) para facilitar auga potable aos veciños afectados pola interrupción do servizo debido a unha vertedura de xurros ao río. CONCELLO DE CURTIS
Camión cisterna en Curtis (A Coruña) para facilitar auga potable aos veciños afectados pola interrupción do servizo debido a unha vertedura de xurros ao río. CONCELLO DE CURTIS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta