Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/10/2021 | Actualizada ás 12:54
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que a Xunta manterá os puntos de vacinación no ámbito hospitalario, á vez que centrará a súa estratexia en "convencer" a aquelas persoas que non quixeron recibir a vacina.
Así o explicou, a preguntas dos xornalistas tras a firma dun convenio co goberno local coruñés, despois do peche dos puntos de vacinación masiva, os últimos os da Coruña e Pontevedra. "Ao haber segundas doses previstas", engadiu o titular de Sanidade, que aproveitou para agradecer aos profesionais "o esforzo dos últimos días".
No entanto, incidiu en que se seguirá con "puntos de vacinación en ámbitos hospitalarios, abertos de luns a sábado, con horario de mañá" e aos que se poderá acudir sen cita ou con autocita.
NON VACINADOS
En paralelo, engadiu que se traballará na área pediátrica para que se chame aos menores de 12 a 15 anos que figuran como non vacinados. Será para "identificar os motivos e logo facilitar a vacinación". "E logo empezar tamén cos adultos", indicou.
O conselleiro admitiu que hai xente "que non quere vacinarse", pero asegurou que é unha porcentaxe "menor". Así mesmo, dixo que os esforzos se centrarán en determinar cantos dos 150.000 galegos que figuran sen vacinar realmente non recibiron a vacina.
E é que, segundo precisou, hai persoas que xa están vacinadas noutra cidade ou autonomía na que residen, pero de cuxa situación non se tiña ata a data constancia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.