Localizan a primeira familiar dun dos sete asturianos fusilados polos franquistas en Celanova

Gracia Gutiérrez é a neta de Abelardo Suárez del Busto, asasinado por un pelotón da Falange de Marruecos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2021 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova vén de informar da localización da primeira familiar dun dos sete asturianos soterrados na fosa do cemiterio parroquial de Celanova. Ela é Gracia Gutiérrez, neta de Abelardo Suárez del Busto, asasinado o 22 de setembro de 1939 por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos cando tiña 28 anos. 

Á esquerda, Gracia Gutiérrez, neta de Abelardo Suárez Del Busto, fusilado polos franquistas en Celanova
Á esquerda, Gracia Gutiérrez, neta de Abelardo Suárez Del Busto, fusilado polos franquistas en Celanova | Fonte: Comité Memoria Histórica Celanova

Fora capturado pola Armada sublevada tras a caída de Xixón a bordo do 'Gaviota' o 20 de outubro de 1937. Trasladado despois a Camposancos -A Guarda-, foi xulgado xunto a outros dez presos e condenado a morte o 29 de xullo de 1938, ao igual que Baldomero Vigil-Escalera Vallejo e Mariano Blanco González, que como Abelardo, terminaron sendo executados en Celanova aquel 22 de setembro.

Segundo explica o comité nun comunicado, Gracia, unha das tres familiares directas vivas de Abelardo, mostrou a disposición da familia a colaborar co Comité, co Goberno de Asturias e cos memorialistas asturianos na procura doutras familias, así como na investigación e nunha posible exhumación da fosa.

Ademais, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova púxose en contacto co Goberno de Asturias para informar da aparición desta familiar e pedir que as autoridades asturianas activen o protocolo para atender estas vítimas. O Comité continuará realizando as xestións previstas para que as administracións públicas competentes faciliten os traballos de documentación de fosa e os trámites que sexan necesarios antes de proceder á exhumación.

 

TESTEMUÑO DE GRACIA GUTIÉRREZ

 

A neta, Gracia Gutiérrez, deixou este pequeno texto que aparece a continuación no que relata a historia da súa familia e como ela chegou a atopar o nome do seu avó no traballo feito ata o de agora polo Comité:

 

"Abelardo era fillo dun carreteiro. Era albanel. Na casa eran moi pobres. Non sabía ler nin escribir, por iso nos escritos da causa aparece a súa firma co dedo. Abelardo e Emilia tiveron un fillo, Enrique, e unha filla, María del Carmen, a miña nai. Emilia, a miña avoa, sabía que estivera preso en Celanova. Nunca soubemos que pasara por Camposancos. Nin que fora sometido a consello de guerra. O fillo maior, Enrique, morreu. Foi outro mazazo para a miña avoa. A miña avoa casou despois por segunda vez. Eu crieime coa miña avoa e ese avó. Os meus pais emigraron a Francia e quedamos a miña irmá e eu con eles. A miña avoa cobrou a pensión como viúva de guerra. A miña nai morreu hai tres anos, xusto un 3 de outubro", relata.

 

"Este domingo, durante o aniversario, déuseme por buscar en Facebook cousas sobre Celanova. Atopei a páxina do Comité, a información sobre o acto da semana anterior no patio do Instituto, onde estivera o cárcere, co Goberno asturiano. E apareceu o nome do meu avó! Deseguido o dixen á familia, e a miña sobriña Irene decidiu escribir ao Comité. Por iso estamos aquí, en Celanova, hoxe".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta